Google desbanca a Apple en valor de marca

mércores, 8 de xuño do 2016 Marcus Fernández

Millward Brown vén de publicar o seu informe anual sobre as marcas máis valiosas a nivel mundial, un Top 100 que ten xa 11 anos de vida e no que as empresas tecnolóxicas conseguen estar sempre nas posicións líderes, aínda que nesta edición sorprendeu o feito de que Google conseguise, cunha valoración de marca de 229.198 millóns de dólares, superar a Apple (valorada en 228.460 millóns de dólares), compañía que arrebatáralle o liderado hai 5 anos. Ambos xigantes tecnolóxicos conseguiron distanciarse enormemente dos seguintes: Microsoft (121.824 millóns), AT&T (107.387 millóns), Facebook (102.551 millóns), Visa (100.800 millóns), Amazon (98.988 millóns), Verizon (93.220 millóns), McDonald’s (88.654 millóns) e IBM (86.206 millóns). Confírmase así o pulo das firmas tecnolóxicas, pois doas 10 empresas máis valoradas a nivel mundial só dúas estarían fóra de tal categoría.
Estariamos ante un ano bastante curioso, xa que Facebook e Amazon conseguirían entrar no Top 10 de BrandZ, deixando claro que estas marcas conseguen ter cada vez un rol máis importante nas nosas vidas, mentres que unha marca considerada líder no pasado como Coca-Cola cae dos 10 primeiros postos até un máis modesto posto 13, véndose incluso superada por Marlboro nunha posición.
A empresa tecnolóxica que máis avanzou no Top 100 durante o último ano foi PayPal, que conseguiu prosperar 23; mentres que dende Huawei tamén poden estar orgullosos por ter subido 20 postos até chegar ao nº 50.
Se miramos cara a España tamén podemos ver un comportamento semellante, xa que a marca española mellor valorada sería Zara (no posto 35 a nivel mundial), que aínda que non é unha compañía tecnolóxica ten un grande negocio de venda en liña; e a outra compañía española ben posicionada sería Movistar (posto 40 a nivel mundial).

Táboa coas 10 marcas máis valoradas por BrandZ en 2016

PUBLICIDADE