Google defende ante a Comisión Europea que Android amplía a capacidade de elección dos consumidores

xoves, 10 de novembro do 2016 Marcus Fernández

Ante as acusación da Comisión Europea de prácticas monopolísticas por parte de Google co seu sistema operativo móbil a empresa de Mountain View sae á palestra cun extenso comunicado de Kent Walker, vicepresidente senior e conselleiro xeral de Google, quen asegura que Android naceu en 2007 como unha solución de balde e código aberto que conseguiu o seu obxectivo estimulando a innovación e incrementando a capacidade de elección dos consumidores, de xeito que os smartphones deixaron de ser unha cara rareza até converterse nun produto de consumo masivo.
A liberdade de elección non é só dos usuarios (que poden elixir que teléfono adquirir), senón tamén dos fabricantes (que poden elixir distintos sendeiros, sendo o máis popular a adopción de Android por poder empregalo sen custo), e o feito de que agora poidamos atopar smartphones a prezos realmente baixos (comentan que é posible adquirir terminais por 45 euros), o feito de que actualmente haxa máis de 24.000 modelos distintos de teléfono de máis de 1.300 marcas correndo Android é unha boa nova, e para os desenvolvedores europeos tamén é moi positivo, xa que teñen unha plataforma con máis de 1.000 millóns de usuarios en todo o mundo aos que poder achegar os seus produtos e servizos.
Unha das discrepancias que ten Google coa Comisión é no tocante á consideración de iOS como competidor, pois a Comisión considera que Apple non compite directamente con Google, de xeito que Android sería un monopolio, perspectiva moi diferente á de Google, que ven á compañía da mazá como un competidor directo en múltiples frontes.
A Comisión tamén estaría a amosar preocupación polo control que Google está a ter sobre Android, pero este camiño que está a tomarse busca fornecer unha base sólida para que poidan traballar os desenvolvedores, así como tamén poder limitar a fragmentación que dificultaría a creación de software. En calquera caso non parece que as esixencias de Google sexan moi ríxidas, como demostra a grande variedade de trebellos con Android que hai no mercado actual.
Pero o elemento máis polémico sería a preinstalación de aplicacións de Google como parte de Android, algo que a Comisión considera que atenta claramente á competencia, pero parece esquecer que esta práctica é voluntaria, xa que é posible distribuír móbiles con Android que non conten con servizos de Google (como acontece coa totalidade dos smartphones comercializados en China). Dende Google incluso insisten no feito de que na meirande parte dos smartphones con Android preinstálanse moitas aplicacións que non son de Google, e que poden ser tanto do fabricante do dispositivo, do operador, ou incluso de terceiras compañías que simplemente son do agrado dos usuarios (de aí que haxa tantos móbiles que inclúan WhatsApp, Facebook, Twitter, Instagram...).
Para apoiar este último razoamento incluso fan unha comparación sobre o número de aplicacións preinstaladas de distintos smartphones de referencia, e comentan que 11 das 38 aplicacións que veñen co Galaxy S7 son de Google, 39 das 47 aplicacións que veñen no Lumia 550 son de Microsoft e 39 das 39 aplicacións incluídas no iPhone 7 son de Apple, polo que criticar que Google impón o seu software non parece axustarse á realidade.
O feito de que instalar aplicacións sexa moi doado e rápido fai que as aplicacións preinstaladas nun smartphone poidan chegar a ser irrelevantes, de xeito que moitas delas non acadan o éxito, mentres que outras ferramentas como Spotify ou Snapchat teñen descargas masivas.
Finalmente aseguran que ligar o seu servizo de busca a Google Play é un xeito de achegar todo un lote de servizos de balde, o que é unha opción moi eficiente que normalmente favorece a fabricantes e consumidores, á vez que fai sustentable o investimento de Google nestes produtos e servizos. Ou sexa, que as compañías que queren beneficiarse de instalar a tenda de aplicación de Google tamén teñen que incluír certas ferramentas da compañía porque ese é o modelo de negocio de Android, e se a Comisión quixese limitar esta práctica podería supor un importante freo que en vista dos argumentos de Google non parece xustificable. Incluso aseguran que de impor restricións a Android suporía apoiar a plataformas pechadas en vez de plataformas abertas, o que limitaría a capacidade de elección, a competencia e a innovación, á vez que tamén incrementaría os prezos, o que parece unha mala solución para todos.

Vídeo co que Google quere explicar que Android supón unha importante vantaxe para os consumidores

PUBLICIDADE