Google, de novo o buscador máis empregado en España polos internautas

mércores, 12 de setembro do 2007 Raquel Noya

Confírmanse as sospeitas! En realidade, só con estar un pouco afeito a navegar na Rede co fin de levar a cabo todo tipo de tarefas (confesables e non tan confesables), estaremos en situación de dar no cravo cando nos pregunten cal pode ser o buscador máis usado. A resposta xa vén dada, mesmo nunha situación de experiencia básica en liña: é Google. Así o sinala tamén unha sondaxe levada a cabo pola consultora Netprovider, onde se asegura que por cada procura que os internautas españois realizan en Yahoo!, fanse un total de 7 en Google.
O devandito estudo, que se realizou coa colaboración de Demandi sobre unha mostra de dous millóns de usuarios de distintas páxinas web, conclúe que preto dun 78 por cento de usuarios empregan Google para facer as súas consultas en Internet, seguido moi de lonxe por Yahoo!, que acada un 13 por cento de usuarios únicos.
Segundo os autores da investigación, estes datos “achegan un xiro de 90 graos ás prácticas cotiás dos internautas que empregaban Yahoo! como buscador principal (e que apenas coñecían Google) hai escasamente cinco anos”.
Entre os buscadores nacionais, o máis empregado é Ozú, creado a finais do 95 e que apenas se achega a un 2,25 por cento de usuarios.
Os datos que ofrece Netprovider para coñecer o buscador en liña máis empregado en España son os seguintes:
· Google é empregado polo 77,93 por cento dos internautas.
· Yahoo é usado por un 12,61 por cento dos internautas.
· Msn (Live Search) acada un 6,76 por cento de usuarios.
· Ozú achégase ó 2,25 por cento.
· Lycos ten un 0,45 por cento de usuarios en España.
· E outros buscadores acadan un 3,15 por cento de usuarios no noso país.
Os resultados extraídos da sondaxe teñen moito que ver coas ferramentas e utilidades que o xigante americano lles ofrece ós seus usuarios como a páxina de inicio personalizada, a barra de Google con programas de balde como o Picassa ou os servizos adicionais como o Google Earth ou a conta de correo electrónico Gmail.

PUBLICIDADE