Google+ comeza a integración de xogos

venres, 12 de agosto do 2011 Marcus Fernández

Para achegarse a Facebook a plataforma Google+ ten aínda que incorporar moitas funcionalidades, como espazos para empresas, aplicacións e, por suposto, videoxogos, pero este último elemento vai camiño de solucionarse, e dende Google xa anuncian que comezaron a súa implantación en Google+, de xeito que nos vindeiros días vermos a incorporación de xogos como Diamond Dash, Angry Birds, Bubble Island, Crime City, Dragons of Atlantis, Zombie Lane, Zynga Poker, Sudoku, Dragon Age: Legendse outros, que estarán dispoñibles dentro dunha nova icona na interface de uso de Google+ (á dereita da de círculos) e que permitirán elementos sociais como compartir as nosas últimas puntuacións, cunha grande diferenza con respecto a Facebook: se un usuario non está interesado nos xogos tampouco visualizará as actualizacións sobre os mesmos dos seus círculos, evitando así un tipo de información que pode resultar sumamente molesta (por engadir moito ruído ao fluxo informativo).
Os xogos están a introducirse de xeito gradual entre os usuarios de Google+, recomendando dende Google aos seus usuarios que os proben, e que reporten os fallos detectados nos mesmos, pois son conscientes de que estamos ante unha nova funcionalidade en probas.

PUBLICIDADE