Google comeza a buscar en vellos xornais en papel

martes, 9 de setembro do 2008 Marcus Fernández

O novo servizo permite ver cómo se trataron no seu día acontecementos históricos como a chegada do home á lúa

Dende Google levan varios anos traballando na dixitalización de libros de todo o mundo para permitir a súa catalogación e consulta dende a web, e agora espallan esta funcionalidade ás hemerotecas, para que o servizo de Google News non rexistre só publicacións electrónicas, e poida así achegar información de medios que só se editaron en papel.
O Google News Archive pretende pór así a disposición dos internautas toda a prensa escrita dos últimos 200 anos, aínda que para iso precisan chegar a acordo con moitos medios, contando polo momento cunha mostra de cabeceiras norteamericanas (The New York Times, The Washington Post, Pittsburgh Post-Gazette, St. Petersburg Times, Quebec Chronicle-Telegraph, Rome News-Tribune, Ellensburg Daily Record e outras) que nos dan unha idea do potencial desta nova funcionalidade, que resulta de especial interese para investigacións e documentación histórica, de xeito que podemos consultar dende a chegada do home á lúa tal e como se veu no seu día ata curiosidades tecnolóxicas como a innovación que supuxo a televisión en cor (pasando pola publicidade da época).
O novo buscador tamén incorpora unha liña de tempo para amosar as épocas nas que se publicaron máis novas sobre determinados termos de busca.

Resulta curioso ver a información sobre innovacións tecnolóxicas como a televisión en cor

Ao consultarse edicións impresas dixitalizadas tamén podemos ver a curiosa publicidade de décadas pasadas

PUBLICIDADE