Google celebra os 200 anos de La Pepa

luns, 19 de marzo do 2012 Fernando Sarasketa

Para quen caia por Google hoxe e non saiba a que responde ese novo cambio puntual de formato nas letras e na feitura, dicirlle que se trata da celebración do 200 aniversario de La Pepa, a Constitución de 1812. Como sempre que o buscador se permite estas intervencións (que se coñecen como doodles), hai letras e símbolos para acompañar a conmemoración e mover aos internautas á curiosidade. Neste caso, o símbolo elixido, substituíndo á segunda letra “o”, é unha imaxe da Carta Magna.
Cómpre subliñar que o 19 de marzo de 1812, as cortes españolas promulgaron a primeira constitución de España, un decreto ao que se lle concede especial relevancia polo seu carácter liberal. Segundo se nos conta na Galipedia, La Pepa foi aprobada o día 18 na cidade de Cádiz e promulgada ao día seguinte, constituíndose como o primeiro documento constitucional aprobado na Península Ibérica e un dos primeiros no Mundo, sendo, no sentido moderno, só precedida pola Constitución Corsa de 1755 (a primeira constitución verdadeiramente democrática), pola Constitución dos Estados Unidos da América (1787) e pola Constitución Francesa de 1791.

PUBLICIDADE