Google celebra o San Valentín cun doodle moi peculiar

martes, 14 de febreiro do 2012 Raquel Noya

Bombóns, rosas, xoias, trebellos tecnolóxicos, plantas, osiños de peluche... neste día de San Valentín calquera cousa nos pode caer nas mans de parte das nosas parellas ou namorados, e Google, sabedor da importancia que lle damos a esta data (malia que ten milleiros de detractores que prefiren que pase de largo), non deixou pasar a oportunidade de facer un doodle conmemorativo.
Trátase dun vídeo cunha mensaxe moi simbólica que, ao son da canción Cold, cold heart de Bennet, nos vén transmitindo que o importante nunha historia de amor non é o material, senón as experiencias que se poden compartir cos demais.
Ao rapaz do vídeo non lle funcionan as rosas, nin os bombóns, nin os xoguetes; tan só logra conquistar á súa amada cando decide saltar con ela á corda, é entón cando a moza se namora perdidamente del e cae rendida nos seus brazos.
Porén, en pouco máis dun minuto que dura a peza, Google transmítenos outra mensaxe de tolerancia non menos importante que a primeira. É contra o final, cando nun mosaico moi peculiar se nos mostran distintas parellas que se queren (por estrañas que parezan): un astronauta cun extraterrestre, unha princesa cunha rá, un can e un gato, un refresco cunha galleta, unha parella de distinta raza e unha parella homosexual.


O vídeo que pode verse no doodle de San Valentín
Este último detalle, que seguramente pasou desapercibido no noso país, non chegou coa mesma indiferenza a outros países nos que a homosexualidade se castiga, como en Malasia, Nixeria, Kenia ou India.
Tamén foi posible ver o doodle no Líbano, Turquía, ou Sudáfrica, entre outros, mais non tiveron tanta sorte en Marrocos, Arabia Saudí, Xordania, Emiratos Árabes Unidos ou Pakistán, onde Google tivo tino de non incluír a súa peculiar homenaxe pois son países que rexeitan esta celebración e onde a homosexualidade (case na súa maioría) se castiga con penas duras.

PUBLICIDADE