Google axuda a orientarnos no Aeroporto da Lavacolla

luns, 4 de marzo do 2013 Marcus Fernández

Aínda que os mapas de Google están baseados principalmente no GPS, levan meses intentando servir de axuda tamén para orientarnos en interiores de grandes superficies comerciais, aeroportos, museos e outros establecementos, achegándonos os seus mapas interiores a través do móbil, servizo que vén de ampliar a súa oferta en España, incorporando numerosas localizacións (universidades, hospitais, museos, centros comerciais e aeroportos) principalmente de Madrid e Barcelona, contando tamén cunha galega: o Aeroporto de Lavacolla.
Deste xeito, os visitantes do aeroporto compostelán poderán consultar o mapa das instalación directamente dende o seu dispositivo móbil que conte coa aplicación oficial de Google Maps, na que poderá incluso seleccionarse os distintos andares da instalación. Atopar a porta de embarque do aeroporto ou a cafetería máis próxima serán agora tarefas máis doadas para moitos viaxeiros, resultando tamén moi útil esta prestación dos Mapas de Google cando alguén está a visitar distintos centros comerciais e quere localizar un establecemento en concreto ou chegar rapidamente xunto aos seus amigos (empregando Latitude).
Tras esta última actualización Google conta con máis de 10.000 planos de planta dispoñibles en 12 países (Bélxica, Canadá, Dinamarca, Francia, Alemaña, Xapón, Singapur, España, Suecia, Suíza, Reino Unido e EE.UU.).

Os mapas permiten explorar os distintos andares das instalacións

PUBLICIDADE