Google achega ferramentas para que filtremos o tipo de publicidade que recibimos

mércores, 29 de xuño do 2016 Marcus Fernández

Cando visitamos páxinas web con publicidade en moitas ocasións pode resultar rechamante que os anuncios que se mostran están moi relacionados coa nosa actividade recente na Rede, deixando claro que estamos vixiados por compañías como Google, que como acto de transparencia permite que dende a páxina web de A Miña Actividade poidamos saber todo o que rexistra sobre o que facemos na Rede (que no caso de empregar o navegador web Chrome é practicamente todo) facilitando así que teñamos certo control sobre esa información para así poder desligar a nosa identidade dalgún produto, de xeito que se un día estivemos a buscar algo en tendas en liña, e logo vemos como día tras día non paramos de recibir publicidade sobre esa categoría de produtos pese a que xa teñamos mercado o que desexamos, podemos eliminar o rastro desas buscas, para que a publicidade poida resultar de máis utilidade.
De feito, para facer isto aínda mellor tamén permite adherirse voluntariamente a un programa de personalización da publicidade, de xeito que Google amosaranos o perfil que ten elaborado da nosa identidade conforme á nosa actividade na Rede (sexo, idade e temas de interese), e poderemos editar tal información para que se axuste mellor a nós, e que así tanto os servizos de Gogole como máis de 2 millóns de páxinas web e aplicacións alleos a Google presenten anuncios que poidan resultar de maior utilidade.

PUBLICIDADE