Google Reader incorpora comentarios nos elementos compartidos cos amigos

xoves, 12 de marzo do 2009 Marcus Fernández

O servizo de lectura de fluxos RSS de Google, Google Reader, leva incorporado moitas novidades nos últimos meses de xeito que se converteu no servizo de subscrición a novas e blogs máis utilizado do mundo superando sobradamente ao seu competidor directo, Bloglines. E agora que contan cunha base de usuarios importante buscan levar a conversa á súa plataforma, e agora, aparte de poder compartir informacións cos amigos, tamén é posible facer comentarios, aínda que os mesmos só se compartirán nesta plataforma e non na fonte da información, o que podería ser todo un problema segundo critican blogueiros coma Manuel Quiroga, quen asegura que non vai utilizar esta funcionalidade porque corta a conversa cos creadores de blogs, dá contido de balde a Google, mata o concepto orixinal nos blogs e pecha ao usuario nunha burbulla de contactos.
Podemos entender que esta función de Google Reader vén a complementar a anterior función de compartir unha nova cun comentario, pois responder a esta achega do usuario era imposible.
Os comentarios en Google Reader polo momento só están presentes se configuramos a súa interface de usuario para que estea en inglés, como pasa habitualmente neste tipo de novidades (que se van traducindo paulatinamente).

PUBLICIDADE