Google Play Music estrea versión de balde con publicidade nos EE.UU.

martes, 23 de xuño do 2015 Marcus Fernández

A competencia no mercado da música en streaming parece que vai endurecerse seriamente nos vindeiros meses, de xeito que, aparte dos polémicos 3 meses de proba de balde de Apple Music e da oferta habitual de Spotify nos EE.UU. haberá un novo axente ofrecendo o servizo de balde: Google.
O servizo Google Play Music en EE.UU. vai contar agora cunha versión de balde financiada con publicidade, de xeito que Google replicaría a fórmula freemium de Spotify, ofrecendo o seu catálogo de máis de 30 millóns de cancións aos usuarios do seu servizo, aínda que confiando en que boa parte dos mesmos opten por subscricións de pagamento para prescindir dos anuncios e poder reproducir a música cando non teña conexión á Rede. Os subscritores tamén poderán reproducir de fondo vídeos musicais de YouTube.
Cómpre lembrar que tanto usuarios de balde como de pagamento poden almacenar e reproducir até 50.000 cancións da súa biblioteca persoal a través de Google Play Music totalmente de balde.
O novo servizo de balde bota a andar hoxe na versión web de Google Play Music, para pasar logo ás aplicacións móbiles para Android e iOS, esperándose que máis adiante chegue tamén a outros países.


Vídeo promocinal do novo servizo de balde

PUBLICIDADE