Google Play Music ábrese ao podcasting nos EE.UU. e Canadá

luns, 18 de abril do 2016 Marcus Fernández

O pasado outono Google anunciou que volvería a tenden unha ponte aos podcasts dende Android, xa que este formato de contidos sonoros, que en iOS ten aplicación de seu e que leva moito tempo gozando do apoio de Apple, ten unha complicada relación con Android, plataforma na que chegou a facilitarse a xestión de subscricións entre Google Reader e Google Listen, pero que actualmente carecía de apoio oficial por parte de Google, o que finalmente está a cambiar, e hoxe mesmo nos EE.UU. e Canadá estréase o soporte de podcasts en Google Play Music, o que non se limita a converter a aplicación de Android nun reprodutor de podcasts, senón que vai asociado a un catálogo de podcasts xestionado por Google (na liña do que Apple fai en iTunes), o que fai precisamente que teñamos que agardar meses para poder gozar deste novo servizo dende España, xa que será preciso que primeiro abran a posibilidade de inscribir podcasts nesa base de datos, que terá que alimentarse durante meses antes de facilitar o acceso a unha boa selección de podcasts dende Android.
Este servizo non quere ser só unha colección de podcasts, senón que pretende facilitar a localización de contidos sonoros que sexan do noso interese, convidando á exploración, de xeito que cando atopemos podcasts dos que gustemos poidamos subscribirnos aos mesmos para seguilos puntualmente.
Confiemos en que este servizo chegue pronto a España, aínda que cómpre lembrar o feito de que, o abandono deste fenómeno por parte de Google levou a que en España prosperasen servizos moi atractivos e de éxito como iVoox, que opera tanto como catálogo de podcasts como de plataforma de publicación dos mesmos.

PUBLICIDADE