Google Pay quere facilitar os pagamentos en todas as plataformas de Google

martes, 20 de febreiro do 2018 Marcus Fernández

O pasado verán chegou a España Android Pay, unha plataforma de pagamentos móbiles propiciada por Google que estes días está a reformularse, de xeito que a partires de agora responderá ao nome de Google Pay, facilitando así dende unha única aplicación a consulta das compras recentes, os billetes e os métodos de pagamento, aínda que a intención de Google é ir moito máis aló, de xeito que se integre en todos os produtos da compañía, facilitando así a realización de compras dende o navegador web Chrome, dende o Asistente de Google ou dende outras plataformas de Google.
Google Pay tamén serve para pagar en tendas físicas, para o que é preciso contar cun smartphone con NFC e, na liña de Samsung Pay, tamén permite conseguir recompensas co seu uso e facilita o almacenamento de tarxetas de fidelización para poder levar todos os plásticos nun único lugar. En cidades como Londres, Kiev ou Portland tamén é posible empregar Google Pay para o transporte público, de xeito que xa non hai que lembrar levar enriba o bono de transporte.
Para manter esta nova política de marca, a aplicación Google Wallet pasará a chamarse Google Pay Send.

PUBLICIDADE