Google Maps inclúe información de tráfico en tempo real

luns, 6 de agosto do 2007 Marcus Fernández

Comparación de dous traxectos en Google Maps

Os grandes portais de Internet están a incorporar novas funcionalidades ós seus servizos de mapas en liña que lles permita gañar posicións no mercado das buscas locais que promete ser moi rendible cando se popularicen os terminais que permitan a súa consulta móbil (coma o iPhone ou os últimos móbiles con GPS) e agora Google Maps mellora para poder facer fronte a Yahoo, e incorpora información de tráfico en tempo real, de xeito que mediante un código de cores se poden ver as áreas con conxestión, e calcula os tempos estimados para desprazarse entre dous puntos, de xeito que mellora considerablemente o seu planificador de rutas, xa que nos podería evitar tanto atascos en horas punta coma cortes de estradas por culpa de accidentes.
Está por ver cando este tipo de información estará dispoñible en Europa, pero é de agardar que se vaian incorporando cidades paulatinamente a este e outros sistemas que axuden a facer os nosos desprazamentos polas estradas máis doados e rápidos.

PUBLICIDADE