Google Duplex dá os seus primeiros pasos en España

xoves, 30 de abril do 2020 Marcus Fernández

Dende VentureBeat aseguran que o servizo Google Duplex, que permite a realización de reservas automatizadas a través dun asistente de voz moi realista (o que permite pedir cita en establecementos comerciais que non contan con tal servizo a través da Internet, xa que o propio asistente tramita a reserva mediante unha chamada de voz), está xa en funcionamento en España, ou sexa, que tras un bo período falando inglés en EE.UU., Reino Unido, Australia e Canadá, por fin fala español, o que podería ser tamén o inicio dunha expansión a toda América Latina.
Google estaría a aproveitar esta tecnoloxía principalmente para confirmar os horarios actuais dos establecementos comerciais nestes tempos de confinamento, no que é bastante habitual que atopemos horarios diferentes ao habitual, polo que dende o buscador queren achegar información actualizada para poder ser de utilidade para os usuarios.
Polo momento non se empregaría Google Duplex para pedir cita en restaurantes ou salóns de peiteado, senón que as chamadas realizadas pola intelixencia artificial buscarían simplemente verificar os horarios comerciais en tempos de pandemia, pero é un paso máis na expansión internacional desta tecnoloxía que mudará para sempre o noso xeito de ver aos asistentes de voz, que polo momento terán a precaución de identificarse cando falen cun ser humano para non levar a equívocos.

PUBLICIDADE