Google Drive adopta ao galego entre as súas 65 linguas

mércores, 19 de xuño do 2013 Marcus Fernández

Hai pouco máis dun ano o servizo de documentos de Google, Google Docs, mudou de filosofía aspirando a ser un almacenamento en liña chamado Google Drive, e nas últimas horas experimentou outro novo cambio significativo, como é a incorporación de traducións a 18 novos idiomas chegando a un total de 65. Deste xeito, aparte de africáner, lingua amárica, cingalés, chinés de Hong Kong, español latinoamericano, lingua estoniana, francés canadense, islandés, khmer, lingua laosiana, malaio, nepalí, persa, suahili, urdú e zulú, agora tamén podemos accede a este servizo en éuscaro e galego.
Deste xeito, non só temos o sistema de menús de Google Drive en galego, senón que cando editemos un documento de texto, unha folla de cálculo ou unha presentación dentro do sistema ofimático web de Google teremos dispoñible un corrector ortográfico de galego e incluso poderemos tirar proveito do tradutor de Google para converter os textos doutras linguas ao galego e viceversa.
Entre as grandes vantaxes de empregar esta plataforma en liña figura o feito de que os documentos poden non só compartirse, senón tamén editarse de xeito conxunto, polo que resulta ideal para a realización de traballos en grupo en tempo real. Tamén cómpre destacar que Google Drive tira proveito do novo espazo unificado de Google, de xeito que a capacidade de almacenamento na nube dispoñible para as fotografías de Google+, Picasa Web Albums e Gmail compártese con este servizo, o que pode resultar bastante práctico.
Para poder acceder a Google Drive en galego só temos que entrar no servizo, picar sobre o botón cunha icona de roda dentada que facilita o acceso ao menú de Configuración e elixir alí o galego como a nosa lingua.

PUBLICIDADE