Google, Casalini Libri e e-libro súmanse á comercialización de obras electrónicas da USC

venres, 23 de marzo do 2012 Redacción

O director de Publicacións da USC, Juan L. Blanco Valdés, con Victoire Chevalier (primeira pola derecha) e Belén Recio (UNE), negociando os termos de adhesión á plataforma dixital de E-Libro-net

A Universidade de Santiago, procurando incrementar e ampliar os camiños que levan á súa produción bibliográfica, non só a nivel de simple consulta senón tamén a nivel de posíbeis vendas, vén de chegar recentemente a un importante acordo con varios servizos de primeira liña inseridos no ámbito do libro dixital. Estamos a falar de Google eBooks, Casalini Libri e e-libro. Segundo informa o Servizo de Publicacións e Intercambio Científico da USC, responsábel destas novidades, o acordo permitiralle á institución vender nestas plataformas as súas obras en liña, que até o de agora estaban dispoñíbeis na librería virtual da Universidade, en Unebook e en Meubook (Tórculo).
Cómpre lembrar que catálogo da institución compostelá conta arestora con 50 títulos dixitais, que supoñen o 8 por cento do total do seu fondo vivo, e para 2012 prevé editar entre 15 e 20 e-books máis. En 2011 a venda de 19 títulos dixitais supuxo o 1 por cento da súa facturación total. Con todo, segundo sinala o dito Servizo, estanse a sumar todo tipo de esforzos para incrementar e mellorar a oferta de publicación e de distribución, con vistas a unha demanda que os diferentes estudos sobre o fenómeno indican que será crecente.

PUBLICIDADE