Gogs, o clon libre de Github, xa fala galego

venres, 20 de xaneiro do 2017 Redacción

Dende Mancomún cóntannos que Gogs, segundo os seus creadores unha sorte de servizo Git (software de control de versións) menos sofisticado e máis empregado por desenvolvedores de software de código aberto, xa conta con versión en galego. O responsábel da localización do software foi David A. Lareo, activo hacker galego moi ligado á cultura libre e á xestión aberta do coñecemento (EduCaaS, Bricolabs), e está incorporada ao proxecto dende o 24 de decembro.
Achegándonos un pouco a Gogs, dicir que é o clon libre de Github feito na linguaxe de programación Go (do mesmo xeito que o pode ser Gitlab), a linguaxe de programación desenvolvida por Google, coa vantaxe de que se pode facer unha distribución binaria independente de todas as plataformas soportadas polo software (incluíndo Linux, Mac OS X, Windows e ARM).
Para obter máis información sobre Gogs ou descargalo, temos os recursos precisos en github.com. Engadir que a adaptación é tamén de código aberto e pódese contribuír ao seu desenvolvemento de xeito libre no seu repositorio público. Cada repositorio desta forxa terá un clon actualizado en tempo real en Github, para darlle visibilidade aos proxectos e garantir a sustentabilidade da forxa.

PUBLICIDADE