GoPro adía o lanzamento do seu dron

venres, 6 de maio do 2016 Marcus Fernández

Dende hai bastantes meses dende GoPro adiantan que están a preparar un dron chamado Karma que sería moi superior ao que estamos afeitos por gozar dun sistema de estabilización que permitiría gravacións de grande calidade, e aínda que se anunciara que sairía á venda “en 2016”, parece que o produto está a experimentar retrasos, e na presentación dos resultados financeiros do primeiro trimestre de 2016 de GoPro a compañía comunicou a súa decisión de adiar o lanzamento do seu drone até finais de ano, para intentar chegar a tempo para a campaña de Nadal.
Este adiamento pode ser un duro pau para GoPro, xa que a compañía tivo unha caída dos seus ingresos dun 49,5% (experimentando unhas importantes perdas operativas), situación que poderían paliar estreando unha nova liña de negocio, xa que o sector das cámaras de acción parece esgotado, por contar con reducida innovación e unha taxa de renovación practicamente nula, de aí que teñan que explorar novas oportunidades como a da realidade virtual e os drons.

Vídeo promocional do dron Karma de GoPro

PUBLICIDADE