Gmail se poderá consultar a través de IMAP, facilitando a súa lectura dende dispositivos móbiles

mércores, 24 de outubro do 2007 Marcus Fernández

O servizo de correo electrónico de Google, Gmail, durante os últimos días está incrementando a capacidade das súas contas (que xa superan os 4 Gb) e incorporando unha novidade realmente importante, que é permitir ó seu servizo mediante o protocolo IMAP, de xeito que mellora especialmente o seu acceso dende dispositivos móbiles.
O correo de Gmail xa se podía ler dende un cliente de correo POP coma se fose unha conta de correo electrónico tradicional, pero iso resulta moi limitado, mentres que coa nova tecnoloxía activada o acceso ás mensaxes electrónicas será indistinta dende unha aplicación cliente que dende a web, tendo case as mesmas prestacións dende ambas e unha sincronización realmente útil.


Demostración do uso de Gmail dende o iPhone

Agora os usuarios de Gmail poden empregar aplicacións coma o Thunderbird para ler as súas mensaxes de xeito que apareceran no mesmo estado dende o programa informático que dende a web. Cando un usuario marca na web unha mensaxe como lida, aparecerá así tamén na aplicación informática, o que mellora a interacción con este servizo. Tamén, cando se etiqueten na web as mensaxes estas se repartirán nos cartafoles correspondentes na aplicación de lectura de correo electrónico.
A principal vantaxe de IMAP está así no seu uso dende distintas plataformas, de xeito que un usuario pode acceder ó seu correo dende Thunderbird no seu fogar, dende a web no traballo e dende o lector de correo electrónico do móbil (o que funciona mesmo en terminais coma o iPhone) e Gmail se comportará como unha plataforma unificada, aplicándose as nosas actuacións a través de calquera das canles a todas elas. Resulta especialmente atractivo para a súa consulta dende o móbil, xa que nos aforrará a descarga de mensaxes lidas previamente.

PUBLICIDADE