Gmail permite amosar múltiples bandexas de entrada simultaneamente
venres, 6 de febreiro do 2009
Os usuarios do servizo
de correo electrónico de Google poden probar grazas a Gmail Labs unha nova
funcionalidade que permite amosar na páxina web de Gmail múltiples
bandexas de entrada simultaneamente, cun máximo de 5 paneis, nos que
podemos definir a súa posición e os filtros e etiquetas que definen os seus
contidos.
Resulta bastante práctica esta función para usuarios que queiran mesturar en
pantalla información prioritaria, de xeito que poden configurar recadros nos
que se amosa a bandexa de entrada principal, as mensaxes marcadas cunha
estrela, as que veñan dun remitente en concreto, etc., evitando ter que premer
sobre cada etiqueta preferida para consultar as mensaxes novas que cheguen á
mesma.
Parece evidente que este tipo de funcionalidade non é apta para calquera
persoa, senón que responde a unha necesidade moi concreta, que curiosamente non
atenden o resto de sistemas de correo web.