Gmail para Android estrea Smart Compose en español

luns, 1 de abril do 2019 Marcus Fernández

Hai 15 anos nacía Gmail, como un servizo de correo electrónico que sorprendía ofrecendo unha capacidade de 1 GB así como un sistema de buscas áxil e doado de empregar, ao que foron incorporando novas prestacións ao longo do tempo, entre as que destaca hoxe Smart Compose en español, francés, italiano e portugués para dispositivos Android (en breve tamén para iOS) o que facilita que os usuarios poidan gozar dun sistema de escritura de mensaxes moito máis áxil e fluído xa que o sistema aprende do usuario para suxerir textos a teclear e así aforrar moito tempo na escritura.

Con Smart Compose recibimos suxestións de escritura para axilizar a composición de mensaxes

Esta tecnoloxía adáptase ao xeito de escribir de cada usuario, de xeito que mantense fiel ao seu ton habitual, e realizará suxestións no corpo das mensaxes en función do escrito anteriormente.
Dende Gmail lembran que cando naceu o servizo o grande problema que tiñan os servizos de correo electrónico era o correo lixo, ao que foron pondo cancela mediante potentes sistemas de detección baseados en intelixencia artificial, de xeito que agora os esforzos diríxense a outras prestacións que poden resultar moi prácticas, como a posibilidade de programar o envío de mensaxes para, por exemplo, que cheguen ao receptor dentro do seu horario laboral.

PUBLICIDADE