Gmail mellora a opción de desfacer enviar

luns, 23 de agosto do 2010 Marcus Fernández

Agora podemos definir os segundos que teremos de tempo para cancelar o envío dun e-mail

O servizo de correo electrónico de Google incorporou hai varios meses a posibilidade de desfacer o envío dunha mensaxe en caso de que detectemos algún erro despois de premer o botón de Enviar, pero esta funcionalidade vén de mellorar substancialmente ao permitirse que os usuarios que a teñan activada no apartado de Labs de Gmail poidan definir o tempo que teremos para poder evitar un envío accidental, que será de entre 5 e 30 segundos.
Deste xeito, se erramos o destinatario, esquecemos un documento adxunto ou algún outro fallo semellante, poderemos evitar un envío pouco atinado sempre que detectemos o defecto ata medio minuto despois de premer o botón de envío.
En vista da boa acollida desta funcionalidade, dende Google están a pensar na posibilidade de implementar unha bandexa de saída para as nosas mensaxes, de xeito que poderían ter uns tempos de graza aínda maiores.

PUBLICIDADE