Gmail integra chamadas de teléfono dende a súa páxina web

mércores, 25 de agosto do 2010 Marcus Fernández

O servizo de correo electrónico vía web de Google quere levar máis aló a comunicación interpersoal, e aparte de permitir a realización de chat de voz e vídeo dende a súa web, permite agora o establecemento de chamadas telefónicas, que no caso de ter coma destino os EE.UU. ou Canadá sairán de balde (cando menos ata rematar o presente ano) mentres que as chamadas a outros países terán prezos reducidos (aínda que no caso español non son prezos moi atractivos, por cobrar 2 centavos por minutos a teléfonos fixos e 19 centavos a móbiles).

O servizo tamén funciona para números telefónicos españois

Dende Google aseguran que esta nova funcionalidade resulta moi práctica, por facilitar o falar por teléfono cun contacto ou facer unha chamada rápida a un restaurante, especialmente se estamos en locais con mala cobertura móbil.
Os usuarios que utilicen este servizo e que gocen dun número de teléfono de Google Voice terán coma vantaxe que as chamadas realizadas vía web aparecerán identificadas como orixinadas dende o seu número, mentres que no resto dos casos figurará un número privado ou moi longo.
Neste momento o sistema de chamadas de voz en Gmail aparece no lateral esquerdo da web, dentro do bloque destinado ao chat, identificándose co texto Call phone (é de supor que traducirán tal frase nos vindeiros días). Os usuarios que queiran probar este servizo contarán cun saldo inicial de 10 centavos, o que permite unha pequena achega para comprobar a súa calidade e decidir a adquisición de saldo na conta de Google Voice en tramos de 10 dólares que podemos pagar con tarxeta de crédito.
Polo momento dende España temos que conformarnos coa sombra do que permite Google Voice nos EE.UU., pois este servizo permite a creación dun número de teléfono virtual que funcione con todos os nosos teléfonos, enviar mensaxes de texto a través da Internet ou por e-mail, escoitar as mensaxes que nos deixen, bloquear remitentes e gravar chamadas.
ACTUALIZACIÓN: O servizo de chamadas a través de Gmail está agora restinxido a Norteamérica, pois Google activou o servizo a usuario internacionais por accidente.


Vídeo de presentación do servizo de chamadas telefónicas dende Gmail

PUBLICIDADE