GisEIEL, a solución do CITIC para as deputacións e concellos

mércores, 12 de febreiro do 2014 Redacción

Dende hai anos as deputacións están obrigadas a cumprir coa Enquisa de Infraestruturas e Equipamentos Locais (EIEL). A Deputación da Coruña e os concellos que conforman a provincia recorreron a unha aplicación do CITIC para a correcta explotación e mantemento de todos os datos que se recollen na enquisa, segundo apunta o centro galego “unha óptima solución que empezaron a empregar outros organismos”. Lembrar que a Enquisa de Infraestruturas e Equipamentos Locais (EIEL) é o instrumento básico de análise das necesidades das deputacións a efectos de cooperación económica local do Estado, unha ferramenta fundamental para estes organismos que ten que elaborarse cunha metodoloxía común.
Dende o ano 2008, a Deputación da Coruña decidiu empregar unha aplicación propia baseada en software libre para a súa correcta explotación chamada gisEIEL, desenvolvida polo Área Tecnolóxica de Sistemas de Información Xeográfica do CITIC. A ferramenta gisEIEL proporciona tres funcións básicas: recoller información, traballar con ela e poñela a disposición do Ministerio e dos municipios. Facilita todas as ferramentas necesarias para a análise, a xestión e a validación da Base de Datos Territorial da EIEL, incluíndo a impresión de cartografía e informes, “o que supón todo un avance en relación a outras aplicacións de GIS do mercado, xa que agrega unha maior cantidade de información”, sinala o CITIC. De feito, engade, “o territorio é unha boa base para integrar datos de distintos servizos e inclúense vías, equipamentos, redes de abastecemento e saneamento”. En total dispón de 150 capas de información, cunha media de máis de 20 variables por capa e con filas de datos que superan os 20.000 como é o caso dos treitos de estrada.
Entre os beneficios que achega atópase a axilidade das operacións de inserción e edición da información asociada. Segundo Miguel R. Luaces, Investigador Principal do Área Sistemas de Información Xeográfica do CITIC e responsable do proxecto, “a aplicación é válida para todo tipo de usuarios, non é necesario que sexan expertos no manexo deste tipo de aplicacións. gisEIEL facilita a creación e modificación de cartografía mediante ferramentas de dixitalización avanzadas, así como a consulta e análise da información mediante formularios personalizados, xeoprocesos e ferramentas de xeración de cartografía e informes”.
Exportado fóra de Galicia
A aplicación gisEIEL incorpora ferramentas desenvolvidas especificamente para a realización da EIEL. Entre elas atópanse as ferramentas de conectividade que permiten calcular de xeito automático as asociacións de servizo entre os elementos que compoñen as redes de abastecemento e saneamento e os núcleos de poboación enquisados; as ferramentas de cálculo automático de campos, que posibilitan o cálculo automático de campos derivados a partir da información enquisada e operacións espaciais e alfanuméricas como vivendas ou rúas con déficit de alumado; ou o módulo de validacións que fornece mecanismos que permiten comprobar que os datos son correctos e cumpren coas restricións de datos indicadas, previo envío ao Ministerio.
Estas características permitiron que gisEIEL esperte o interese doutras deputacións, polo que ademais de na Coruña iniciouse o seu uso en Ourense, Córdoba e no Consell Insular de Mallorca mediante a sinatura dun convenio de cooperación interadministrativa. Ademais, por ser software libre, tamén a Deputación de Pontevedra empregouno como base para a aplicación que usa para cumprimentar a enquisa.
Polas súas características e beneficios, gisEIEL establécese como unha das mellores solucións informáticas para as enquisas que han de cumprimentar cada ano as deputacións. Completa, de sinxelo manexo e con ferramentas específicas que non presentan o resto de aplicacións. Ademais, o seu deseño flexible e modular permite a súa adaptación rápida a outras necesidades como a xestión de inventarios de bens, a xestión de plans urbanísticos, ou a implantación dun sistema de información xeográfica corporativo.

PUBLICIDADE