García Morán coordina o seminario sobre a Axenda Dixital Europea que se celebra esta semana en Santiago

luns, 7 de xullo do 2014 Redacción

Tal e como avanzamos os días pasados, esta semana desenvólvese un evento sobre políticas TIC na Cidade da Cultura que non só ten como protagonistas ás propias políticas que se desenvolven na nosa terra, senón tamén dende o Estado español e dende a Administración europea, ligándoas e poñéndoas en relación e en comparación. O seminario Axenda Dixital Europea e Redes Transeuropeas, coordinado po Francisco García Morán (conselleiro xefe en TIC e ex-director xeral de Informática da Comisión Europea), contará para acadar o devandito obxectivo de achegar unha visión global das estratexias TIC (unha visión autonómico-estatal-europea) cun “destacado elenco de especialistas internacionais”.
A cita será entre os días 9 e 10 de xullo e vén da man do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA).
Segundo fan saber os organizadores, un dos grandes retos da cita é salientar a importancia da interoperabilidade coma un requisito necesario para a interconexión dos sistemas informáticos a nivel da Unión Europea. Así, mediante exemplos concretos de sistemas informáticos os relatores ilustrarán e afondarán nesa interoperabilidade. Así mesmo, presentarán as estratexias europeas en computación na nube e licitación electrónica. As dúas xornadas do encontro terán lugar no Salón 103 do Edificio Cinc da Cidade da Cultura de Galicia.
O formato do seminario consiste en presentacións relativamente curtas, duns 30 minutos de duración, seguidas por un debate entre relatores e asistentes. A xornada do día 9 e de mañá e tarde, namentres que a do día 10 só ten horario matutino.
O seminario Axenda Dixital Europea e Redes Transeuropeas. Perspectivas da UE, nacional e autonómica está coordinado como dixemos por Francisco García Morán (recentemente recoñecido polo colexio profesional galego) e o presidente do CPEIG, Fernando Suárez Lorenzo, que serán os encargados de inaugurar o seminario xunto coa directora da AMTEGA, Mar Pereira. Estas xornadas insíresen no acordo de colaboración subscrito entre a axencia autonómica e o CPEIG para a realización de actuacións de fomento da Sociedade da Información.

PUBLICIDADE