Galvintec avoga por impulsar a transformación dos comercios de proximidade para garantir a súa supervivencia

xoves, 30 de novembro do 2023 S. P.

O comercio de proximidade ten que transformarse tecnoloxicamente se quere ser viábel e competitivo. Esta foi unha das mensaxes achegadas este mércores 29 de novembro por Moisés Mateo, director executivo da empresa galega Galvintec, firma tecnolóxica de Grupo Alvariño. A sesión, desenvolvida na sede pontevedresa de Afundación, encadrouse nas xornadas hubNet da Cámara de Comercio de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía (ciclo Constrúe o teu futuro na era dixital). O relatorio desenvolveuse baixo o epígrafe O comercio de proximidade, cara a unha transformación dixital. “Calculamos que en 2023 o 10% dos que non están dixitalizados fracasarán e extinguiranse”, indicou.
Por tanto, dixo, “a transformación dixital non é unha opción, senón unha necesidade imperante para os comercios que desexan seguir sendo relevantes nun mercado que cambiou radicalmente, polo que é importante adoptar novas tecnoloxías, integrar sistemas de xestión en tempo real e comprender os cambios sociolóxicos nos hábitos de consumo”. Con exemplos de éxito concretos, mostrou aos presentes como industrias enteiras tiveron que “reinventarse ante a revolución dixital”, expoñendo ademais os perigos aos que se enfrontan os comercios de proximidade que, sen unha estratexia dixital clara, poden estar condenados a desaparecer.
Desde Galvintec, a mensaxe é clara: unha chamada á acción para comerciantes e empresarios para engancharse á transformación dixital como aliada na mellora da experiencia do cliente e a supervivencia do comercio local.
Co ciclo de xornadas Constrúe o teu futuro na era dixital a Cámara de Comercio Pontevedra, Vigo e Vilagarcía de Arousa envórcase coa transformación dixital das pemes e o emprendemento a través da iniciativa dixital hubnet. O programa inclúe un total de 9 eventos, entre conferencias, seminarios e xornadas técnicas, que se celebran estes días en Vilagarcía de Arousa e Pontevedra e que están dirixidos a sectores estratéxicos en Galicia: forestal, transporte e loxística, turismo e comercio polo miúdo.

PUBLICIDADE