GALPon presenta un programa para substituír o uso do rato polos movementos da nosa cabeza

venres, 2 de setembro do 2011 Fernando Sarasketa

A tecnoloxía, polo menos unha boa parte dela, está feita para maiorías. En base a isto, búscase sobre todo a comodidade das persoas que teñen características físicas e motrices estándar, deixando fóra a millóns de persoas de todo o mundo. Algo tan sinxelo e estendido como o rato, é unha condena para unha importante cantidade de xente, non dous ou tres usuarios potenciais, senón multitudes. Malia os esforzos que se fan para cambiar estes hábitos da industria, mesmo dende a nosa terra (da man de plataformas como TADEGa), se cadra a solución a todo isto está no sector máis independente do software e do hardware. De aí, da programación libre, procede precisamente o programa Enable Viacam (eViacam), unha ferramenta que segundo nos conta GALPon (Grupo de Amigos de Linux de Pontevedra), permítenos usar a cabeza en troques do rato.
Máis polo miúdo, trátase dun programa de computador que reempraza a funcionalidade do devandito dispositivo de control do punteiro a partir dos movementos da testa, para o que é preciso, nada máis, unha cámara web. De feito, non hai máis elemento adicional que teña que ser empregado. O programa, que vai ser presentado en outubro na cidade de Vigo xunto coa ferramenta Sitplus, comezando cun relatorio no Centro Social Caixanova de Vigo programado para as 11.00 da mañá do sábado 1 de outubro, está baseado no programa Rato Facial recoñecido con varios premios e distincións do eido formativo e tecnolóxico. As plataformas admitidas son as seguintes: GNU/Linux e Windows 2000/XP/Vista/7.
O funcionamento do sistema é sinxelo: logo de que se configure a área de detección (que consiste en localizar a faciana do usuario), cómpre que premamos no botón do rato para dar comezo á actividade do programa. A xanela principal, informa GALPon, tamén achega conexión directa co teclado virtual do sistema operativo que se estea a empregar. O programa eViacam pode empregarse arestora en 10 idiomas, polo de agora, incluído o castelán, galego, catalán e asturiano.
Como dixemos, a aplicación vai ser presentada a comezos de outubro, no Centro Social de Caixanova e máis no Campus de Vigo, facéndose especial fincapé no potencial que pon en xogo para o ámbito escolar. Pois ben, a ferramenta non virá soa, posto que se vai dar a coñecer xunto con Sitplus, unha achega de software libre para pór a disposición de colectivos con diversidades funcionais todo tipo de accións terapéuticas e de lecer que melloren a súa calidade de vida e o seu acceso á comunicación e ao coñecemento. Segundo engade GALPon, ofrece “novas formas de interacción baseadas en visión artificial, voz e outros periféricos para producir un resultado en forma de imaxe e son”. Por certo que tamén está dispoñíbel en galego. Tanto unha ferramenta como a outra serán presentadas por César Mauri, desenvolvedor e líder de ámbolos dous proxectos.

PUBLICIDADE