Galiza Ano Cero presenta nova web e comeza a súa primeira tempada de emisión

luns, 14 de outubro do 2013 Fernando Sarasketa

Galiza Ano Cero, a canle de televisión por Internet de cuxa creación tivemos oportunidade de dar conta, comezou este venres, finalmente, a súa primeira tempada de emisión, despois da difusión do material piloto e da obtención do financiamento preciso para converterse nunha realidade a través da técnica do crowdfunding, que consiste na procura de pequenos investigadores na comunidade internauta (acadándose o que dificilmente podería acadarse polos vieiros tradicionais). Segundo nos contan os responsábeis deste novo proxecto galego (a asociación cultural do mesmo nome), este inaugurouse co deseño dunha nova web de seu e coa publicación do primeiro contido que fornecer: a entrevista realizada ao sociólogo e autor do libro Hipótesis Democracia (Traficantes, 2013), Emmanuel Rodríguez, do que se ofrece asemade a tradución ao galego dun dos capítulos da obra.
Ademais, a partir de xa e con carácter periódico, cada xoves ás 22.00 horas haberá un novo programa dispoñíbel, “alternando semana a semana debates e entrevistas en profundidade”. Respecto á nova web, un moi ben deseñado e presentado exemplo do que con toda seguridade está por vir en materia de divulgación e información audiovisual (ligada á Rede, participativa, cooperativa, aberta, plural, crítica, social e tecnolóxica), dicir que está aínda en proceso de desenvolvemento e quen en vindeiras datas acubillará unha serie de novidades que cómpre seguirmos de preto: incorporación de ferramentas e servizos, unha tenda en liña, etc. O equipo responsábel de Galiza Ano Cero informa que concibe o espazo dixital de seu como “un espazo de difusión, transparencia e participación, acorde coas liñas mestras do proxecto”. Liñas entre as que se contan as seguintes:
-As persoas asociadas, e só as persoas asociadas á asociación cultural Galiza Ano Cero, poderán publicar contidos no web. “Tamén terán outros privilexios, como ver destacados os seus comentarios”, explícase.
-Segundo nos contan dende Galiza Ano Cero, ver os programas a través de galizaanocero.tv posúe vantaxes, en especial unha: cada vídeo ten un sumario para acceder de forma personalizada aos treitos máis interesantes.
-As microdoazóns, mediante o botón rápido de 90 céntimos, “van ser o mascarón de proa da política coa que queremos financiar o canal”, informa o equipo promotor desta televisión en liña.
-O mosaico de portada, un lugar onde se mesturan os programas, as publicacións e os posts das persoas asociadas, será moderado polas usuarias cos seus votos.

PUBLICIDADE