Galiciencia chega á súa segunda xornada con novos obradoiros en streaming

xoves, 10 de decembro do 2020 Redacción

Na mañá deste xoves celebrouse en formato online (seguida a través de streaming por centos de seareiras/os da investigación científico-tecnolóxica de Primaria, Secundaria, FP e Bacharelato) a segunda xornada de Galiciencia, a maior feira científica da nosa terra, que chegou á súa 15ª edición e que se prolonga até mañá. Durante o segundo día de actividades, estudantes de Primaria e máis de Secundaria afondaron nos ámbitos da innovación gastronómica e da electricidade. Puideron verse a través de Youtube e a través da web de Galiciencia Online.
Promovida polo Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole), a Galiciencia conta co apoio da Consellería de Economía a través da Axencia Galega de Innovación (GAIN).
Esta edición, que ten como lema A innovación do futuro, está a amosar aos máis novos cara a onde camiña a innovación. Como dixemos, ao longo da mañá desenvolvéronse varios obradoiros para alumnado de Primaria e Secundaria. Os de Primaria participaron na proposta Iluminando o mundo, unha serie de experiencias vencelladas coa electricidade, grazas ao material tecnolóxico que recibiron nos seus centros educativos. Así, puideron realizar circuítos eléctricos con elementos tan sinxelos como plastilina, pilas e luces LED. Afondaron no mundo da electricidade e coñeceron todo o que nos aporta na vida cotiá.
Para os alumnos de Secundaria organizáronse talleres co título Cociñando o futuro, destinados a ver a relación que existe entre a cociña e a ciencia, en particular coa rama da química. Fixeron algunha receita con moléculas e ata emularon a Ferrán Adrià; elaboraron un falso caviar, unha sobremesa que o cociñeiro argallou no seu restaurante El Bulli baseado na ciencia. Tamén cociñaron raviolis, para o que usaron agar-agar, un produto típico de laboratorio. Puideron realizar os experimentos e receitas de cociña grazas aos kits con materiais que recibiron de xeito gratuíto nos seus institutos.
Galiciencia continúa mañá venres con novos obradoiros prácticos para alumnos de Primaria e Secundaria e nos vindeiros días daranse a coñecer os proxectos gañadores desta edición.

PUBLICIDADE