Galiciencia achegou innovadoras propostas tecnolóxicas anti-COVID

venres, 11 de decembro do 2020 Redacción

Este venres chegou á súa xornada final a 15 edición de Galiciencia, unha convocatoria virtual do que é, con moita probabilidade, o acontecemento científico e investigador para as e os escolares máis importante da nosa terra. Ao longo destes tres días o certame logrou reunir a máis de 4.000 alumnas a alumnos non só de Galicia, senón tamén do resto de España. Da man da Tecnópole e a axencia GAIN, foi un fervedoiro de proxectos e ideas para mellorar a nosa calidade de vida e o medio ambiente e mesmo para plantar cara á COVID-19 e as súas consecuencias. Na feira mostrouse, entre outras cousas, unha aplicación web para axilizar o rastrexo de casos positivos nas aulas ou un hixienizador de pantallas táctiles.
O director xerente de Tecnópole, Ricardo Capilla, indica que a finalidade de Galiciencia é “fomentar vocacións científicas e tecnolóxicas entre os máis novos. Os rapaces teñen a oportunidade de levar a cabo as súas propias investigacións, o que lles axuda a consolidar os coñecementos que teñen e, ademais, descubrir a importancia da ciencia e a tecnoloxía no seu día a día”.
Nos vindeiros días daranse a coñecer os alumnos gañadores do concurso de proxectos, que no último mes foron chegando á organización de Galiciencia e están expostos na web da feira, onde o público pode interactuar e dar a súa propia valoración. Seleccionáronse un total de 60 proxectos de Secundaria, Bacharelato e FP, que competirán polo premio final do certame con propostas innovadores en ámbitos tan diversos como as novas tecnoloxías, agricultura, medio ambiente, comunicación, música, bioloxía, física ou robótica, entre outros. Fóra de competición tamén poden participar estudantes de Primaria e Educación Especial, dos que se seleccionaron 28 proxectos.
Varios dos equipos participantes no concurso presentan diferentes solucións vencelladas á COVID-19, como un hixienizador de pantallas táctiles que permita evitar a transferencia de virus, bacterias e outros patóxenos; ou unha aplicación web para axilizar o rastrexo de casos positivos nas aulas, do alumnado que estivo ao redor e dos que teñen síntomas e están á espera dos resultados de probas.
No eido ambiental, hai propostas como o emprego de musgo como indicativo de contaminación e medio de absorción do dióxido de carbono para limpar e refrescar o aire. Tamén se propón unha papeleira mariña, un mecanismo que permite retirar pequenos residuos plásticos que chegaron ao mar nos contornos das praias, co fin de reducir así a contaminación que causan.
Co propósito de axudar a persoas con certas discapacidades, un equipo pensou na creación dunhas pezas co abecedario en braille feito en máquinas 3D para formar palabras e aprender linguaxes. Outro afondou no desenvolvemento de planos táctiles para facilitar a persoas con discapacidade visual o seu día a día, tamén coa axuda do deseño e a impresión 3D. No eido social, proponse así mesmo a creación dunha ferramenta mediante programación HTML para conectar a voluntarios e asociacións benéficas e que poidan colaborar entre eles.
Hai proxectos tamén rechamantes como unha hamaca capaz de converterse en bolsa na que se pode levar todo o necesario para ir á praia, cargando así con menos obxectos; ou unha incubadora automática para observación mediante vídeo streaming do desenvolvemento das aves que se críen nela, feita con materiais recuperados de pezas de ordenadores vellos. E ata un vídeoxogo inspirado en Star Wars.

PUBLICIDADE