Galiciencia 2021 chega o seu remate con novos experimentos astronómicos e anti-COVID

venres, 28 de maio do 2021 S. P.

O mércores 26 de maio botaba a andar unha nova edición de Galiciencia online 2021, a maior feira científica de Galicia, adaptada un ano máis ao formato en liña para garantir a seguridade sanitaria das e dos participantes. Logo de tres días de achegamento da ciencia á sociedade, na mañá de hoxe venres pechábase a cita deste ano impulsada polo Parque Tecnolóxico de Galicia, Tecnópole, a axencia autonómica GAIN e máis a FECYT, co fin de espertar vocacións tecnolóxicas e científicas entre o alumnado de Primaria, Secundaria, FP e Bacharelato.
Desta volta o lema de Galiciencia víase (como non podía ser doutro xeito) marcado pola pandemia: A innovación Pos-COVID a través da revolución do talento. Na derradeira xornada (hoxe venres 28 de maio) celebráronse dous obradoiros. Os alumnos de Primaria participaron no taller Como pode voar un helicóptero en Marte?, inspirado na misión Mars2020 da NASA, que lanzou e aterrou con éxito o vehículo Perseverance no planeta vermello, co fin de recoller datos que servisen para demostrar que o planeta albergou algunha vez vida en forma de organismos microscópicos. Ademais, esta misión tiña o aliciente de lograr o primeiro voo con motor noutro planeta. Nesta actividade os rapaces realizaron a coñecida proba do helicóptero de papel, situada no contexto do deseño de enxeñaría, co fin de coñecer como a resistencia do aire axuda a explicar o funcionamento dos helicópteros.
O alumnado de Secundaria puido desfrutar co obradoiro Espiando a coroa, no transcurso do cal calcularon a dimensión dun cabelo a través de luz láser. Os rapaces achegáronse á microscopía electrónica, que consegue amosarnos a estrutura e aparencia de entes minúsculos como os coronavirus.
A vindeira semana daranse a coñecer os gañadores do concurso de proxectos desta edición -que xa poden verse na páxina web de Galiciencia online, onde o público pode interactuar e dar a súa propia valoración-, e tamén do concurso de fotografías promovido a través da rede social Instagram.
Seleccionáronse 55 proxectos de Secundaria, Bacharelato e FP, que competirán polo premio final do certame con propostas innovadoras en ámbitos tan diversos como as novas tecnoloxías, agricultura, medio ambiente, comunicación, música, bioloxía, física, robótica ou historia, entre outros. Do total de proxectos, 14 proceden da provincia da Coruña, 14 de Pontevedra, 13 de Ourense, 6 de Lugo; e, de fóra de Galicia, 5 de Biscaia, 2 de Barcelona e 1 de Asturias. Trátase de 28 centros educativos diferentes.
Fóra de competición tamén poden participar estudantes de Primaria e Educación Especial, dos que se seleccionaron 18 proxectos dun total de 11 centros educativos.

PUBLICIDADE