Galician History X, un dos fenómenos audiovisuais da tempada na Rede galega

mércores, 23 de outubro do 2013 Fernando Sarasketa

O Galiñeiro Escuro, agrupación galega de seareiros do audiovisual, púxonos estes días ao tanto dun proxecto de seu que está a acadar importante repercusión na Rede, tanto no que se refire a visualizacións como a comentarios e fluxo informativo nas redes sociais. O proxecto en cuestión chámase Galician History X e é unha curtametraxe estreada oficialmente o Día das Letras Galegas deste mesmo ano, cousa que indica xa un pouco a intención dos autores. E a intención dos autores non é outra que amosar como se fala galego na nosa terra. En apenas cinco meses de difusión (íntegra) en Internet e nas redes sociais, a peza acadou 6.000 visualizacións. “Boa cifra”, comentan dende O Galiñeiro, “e máis para un traballo realizado sen apenas medios e co único apoio dos que estamos detrás desta agrupación e das nosas amizades”.
Por certo que a peza conta con música de grupos galegos e temas de licenzas libres, igual que a propia obra audiovisual en si. Como curiosidade, dicir que Galician History X ten unhas características de seu (humor, retranca propia da nosa terra, espontaneidade) que semella facela moi axeitada para ser proxectada e divulgada entre as novas xeracións e futuros galego falantes, tal e como se pode extraer do feito de que fose reproducida en numerosas ocasións nos centros educativos da nosa terra, co arela de facerlles entender aos alumnos os fitos históricos da nosa lingua no tempo. Por certo que no Facebook e máis no Twitter tanto O Galiñeiro Escuro como a propia curtametraxe contan cunha comunidade moi activa, cousa que da que se tirou proveito para pór en marcha un concurso entre tódolos seareiros co fin de atopar os mellores “recunchos con encanto” de Galicia. O premio, tal e como nos lembran os responsábeis de Galician History X, puído ser mellor pero non máis enxebre: trátase dunha gorra de pensos Biona. Nos vindeiros días, engaden, realizarase tamén o sorteo dalgunhas copias en DVD e pósters da curta.

PUBLICIDADE