Galiciadixital recala na Rúa cos seus contidos máis novidosos

martes, 27 de xullo do 2010 Raquel Noya

Os aerodeslizadores <a href="http://www.xunta.es/actualidade?content=/Portal-Web/Contidos/Novas/nova_estandar3210.html">foron uns dos contidos máis visitados da exposición</a> durante a pasada edición de Xuventude Galicia NetA exposición itinerante Galiciadixital, que como ben saben a maioría dos nosos lectores ten a súa sede permanente no Mosteiro de San Martiño Pinario en Santiago de Compostela, vén de facer a súa última parada en A Rúa, Ourense, onde permanecerá ata o vindeiro sábado, 31 de xullo, para a súa visita por parte de calquera persoa interesada en coñecer o máis destacado en materia de arte tecnolóxico galego.
O delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Rogelio Martínez González acompañado polo alcalde de A Rúa, Luis Fernández Gudiña inauguraron onte mesmo a exposición na Casa da Cultura da vila, onde se atopa instalada cos seus contidos habituais. A mostra, que coma sempre poderá visitarse de balde, estará aberta ao público de 9:00 a 14:00 e de 17:00 a 21:00.
No evento, o delegado territorial expresou a súa satisfacción por levar esta mostra ao concello da Rúa e lembrou que todos os contidos que se exhiben na exposición están feitos por empresas e universidades galegas. Así mesmo, salientou que neste ano, como novidade, a mostra achégase a hospitais e centros de maiores, onde pode ser visitada gratuitamente tanto polos doentes como polos familiares e amigos dos mesmos, que fan máis levadeira a súa convalecencia.
Pola súa banda, o alcalde, agradeceu que a exposición teña unha parada no concello da Rúa e animou a todos os veciños a que se achegan á mesma.
Os que visiten nestes días as instalacións da Casa da Cultura poderán disfrutar dalgúns dos contidos habituais da exposición Galiciadixital, como o xogo Aerodeslizadores por Compostela, no que poderán descender pola zona histórica dunha cidade galega virtual nun futurista “aerodeslizador” desenvolvido pola Universidade de Santiago de Compostela (USC). Tamén poderán xogar co canciño Axóuxere ou converterse en tiraboleiros do Botafumeiro da Catedral de Santiago por un día, grazas ao tiraboleiro virtual, entre outras actividades. Ademais, os visitantes poderán visionar películas en 3D como Meta do Camiño, que nos amosa feitos e lendas da Catedral coas mellores técnicas audiovisuais feitas dende a nosa Terra.
A través da exposición Galiciadixital a Secretaría Xeral de Medios pretende amosar a galegos e galegas de todas as idades os contidos audiovisuais e multimedia realizados por empresas e universidades da comunidade, valéndose para iso dunha experiencia interactiva diferente á dos museos convencionais, na que os visitantes non son simples espectadores, senón que participan en todo o percorrido.

PUBLICIDADE