Galiciadixital pasará o Nadal en Ferrol

luns, 21 de decembro do 2009 Raquel Noya

A exposición itinerante Galiciadixital que xa leva percorridas unhas cantas vilas galegas, fará a súa vindeira parada en Ferrol (mañá martes 22 de decembro) onde permanecerá ata o vindeiro día 27 na Residencia Mixta de Maiores da cidade.
Esta exposición, que organiza a Secretaría Xeral de Medios en colaboración coa Secretaría Xeral de Familia e Benestar, será inaugurada ás 11:00 horas polo delegado territorial da Xunta na Coruña, Diego Calvo, quen estará acompañado polo subdirector xeral de Promoción da Autonomía Persoal, Modesto Rouco, ademais doutras autoridades e colectivos locais.
A Secretaría Xeral de Medios, decidiu achegar esta exposición itinerante aos maiores co obxectivo de ensinarlles a todos os galegos e galegas de todas as idades o audiovisual e os multimedia realizados por empresas e universidades galegas, e servir de plataforma de experimentación de novos sistemas e contidos audiovisuais.
A mostra, unha converxencia entre arte e tecnoloxía, está pensada para que os visitantes non sexan simples espectadores, senón que participen en todo o seu percorrido, tocando e experimentando todo, o que fai que sexa de grande interese didáctico para as persoas de todas as idades, e así o demostra o gran éxito que está a acadar nas localidades que a acollen.
Ademais de Cidades co Camiño, o canciño robotizado Axóuxere e o xogo Aerodeslizadores por Compostela, outros cinco contidos máis completan a exposición, que se poderá visitar en horario de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas, excepto o venres 25 que permanecerá pechada. A entrada é de balde e para todos os públicos.

PUBLICIDADE