Galiciadixital fai a súa última parada nun centro de saúde ourensán

martes, 9 de marzo do 2010 Raquel Noya

Galiciadixital, a exposición itinerante da Secretaría Xeral de Medios, que nos últimos meses está a deixarse ver nos centros hospitalarios e sanitarios de toda Galicia, facéndolle a estancia alí máis levadeira aos doentes e familiares que se achegan a visitalos, vén de facer a súa última parada no centro de saúde Valle Inclán de Ourense, onde estará ata o vindeiro luns, 15 de marzo.
A mostra, organizada pola devandita entidade pública en colaboración coa Consellería de Sanidade, poderá visitarse de balde en horario de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas, agás o sábado pola tarde e o domingo, que estará pechada.
Á inauguración, que tivo lugar hoxe ás 12:00 horas, asistiu o delegado territorial da Xunta de Galicia na provincia de Ourense, Rogelio Martínez, que convidou a todos os cidadáns a visitar a exposición, especialmente a aqueles que non coñeceran a mostra Galiciadixital permanente, ubicada no mosteiro de San Martiño Pinario, en Santiago.
Martínez, que incidiu na importancia de que esta exposición chegue a un centro sanitario, onde asegurou, “a pode visitar máis xente”, estivo acompañado da xefa territorial de Sanidade, María José Villar Suárez, o xerente de Atención Primaria de Ourense, Carlos Pereira, e o concelleiro Agustín Fernández Gallego en representación do Concello de Ourense, quen agradeceron a presenza dos asistentes ao evento e louvou a iniciativa de levar Galiciadixital aos centros de saúde.
Esta mostra itinerante é só unha parte da exposición Galiciadixital permanente, que ten a súa sede en Santiago desde hai unha década, tempo no que ten recibido máis de 600.000 visitas. A través dela, a Secretaría Xeral de Medios pretende amosar aos galegos e galegas de todas as idades o audiovisual e os contidos multimedia realizados por empresas e universidades galegas.
De novo, Galiciadixital ofrécelle aos visitantes unha experiencia interactiva distinta á dos museos convencionais, pensada para que non sexan simples espectadores, senón que participen en todo o seu percorrido, achegando así os avances en tecnoloxías multimedia e audiovisuais producidas en Galicia á cidadanía dende localidades preto da súa residencia.
Como nas anteriores ocasións, as persoas que se acheguen estes días ao centro de saúde ourensán, poderán disfrutar da experiencia que ofrece Cidades do Camiño, o canciño Axóuxere ou o Tiraboleiro Virtual, entre outros contidos.

PUBLICIDADE