GaliciaTIC achegarase o 20 de outubro á potencialidade das redes sociais e o cloud computing

luns, 3 de outubro do 2011 Fernando Sarasketa

O Centro Social Nova Caixa Galicia de Vigo vai acoller, o vindeiro 20 de outubro, a nova edición dun dos eventos profesionais tecnoloxico-dixitais máis senlleiros da nosa terra, GaliciaTIC. Esta nova entrega, a novena, consolida unha traxectoria que ten máis valor se temos en conta a gran cantidade de eventos destas características que ficaron polo camiño e, tamén, a natureza cambiante do tema a tratar, as novas tecnoloxías, que obriga a que cada edición sexa distinta, por forza, da anterior. Ao fío disto e segundo di Miguel Merino (director da xuntanza), este precisamente é un dos grandes obxectivos de GaliciaTIC: ser un reflexo exacto do seu tempo. Por estas e outras razóns tocaranse temas como a computación na nube, as redes sociais e a súa influencia nas empresas e nos medios ou as RFID, temas todos que constitúen cuestións que “irrompen con forza no actual eido socioeconómico”.
A xornada, segundo informa Merino dende a web, que por certo ofrece xa información de abondo sobre a nova convocatoria, incluído o programa de actividades, diríxese a dar unha serie de “claves para a xestión do rendemento corporativo, a sustentabilidade e a oportunidade de aplicar estas novas tecnoloxías da información”. Polo que respecta á feitura das accións previstas en GaliciaTIC, dicir que virán incluídos unha serie de formatos encamiñados en boa medida a reproducir a natureza multiformato do eido dixital de hoxe: conferencias, paneis temáticos, presentacións de casos de éxitos e máis obradoiros de uso. Todo dirixido a dar a coñecer, perante os profesionais da nosa terra, novos conceptos, ferramentas e tecnoloxías. “Contamos unha vez máis”, sinala Merino, “cun equipo de excelentes conferenciantes e profesionais de recoñecido prestixio que no curto tempo de desenvolvemento da xornada tratarán de sintetizar o coñecemento da materia, as últimas tendencias na xestión de procesos de negocio, das aplicacións TIC e os factores clave para un desenvolvemento empresarial sustentábel”.
A idea, como dixemos, é achegar unha análise o máis completa e fonda posíbel desta evolución constante na que están mergulladas as novas tecnoloxías, da potencialidade de todo que nos ofrecen a día de hoxe para facer as nosas empresas máis competitivas (cloud computing, recursos para a innovación, redes sociais) e con meirande capacidade de pulo produtivo. A importancia de todo isto, apunta Merino, será un dos eixes deste evento: “O poder transformador das aplicacións empresariais baseadas nas TIC é tan fondo que afecta de xeito substancial aos procesos que soportan tódalas actividades das organizacións, a relacións con terceiros e o comportamento dos consumidores”.

Programa de actividades

9.15 Inauguración, a cargo de José Manuel Valiño, director xeral de Sistemas, NGC.
9.30 Conferencia 1, Tendencias sobre estratexias globais TIC, A evolución do software empresarial, a cargo de Val Huber, presidente de Automated Business LogicLLC.
10.00 Conferencia 2, A clave do éxito nas aplicacións RFID, Mikko Nikkanen, director Business Development en UPM RFID.
10.00 Obradoiro 1/Ontimize Logic: Automatizando a lóxica do negocio do software empresarial, da man de Alejandro Ricart Varela, director de Sector Público e I+D e Cibrán Ledo, director de Proxectos de Imatia.
10.30 Mesa de expertos 1: aplicacións que soportan estratexias globais: SaaS, IaaS. Infraestruturas e aplicacións como servizos. Da man de Álvaro Gómez e Ramón Costa. Edisa e Altia.
11.15 Pausa café.
11.45 Mesa de expertos 2. Tecnoloxías emerxentes de referencia: RFID. Vantaxes competitivas do RFID. Víctor Boza e Rafael Ave. AV Converter. Emetel.
12.30 Mesa de expertos 3. Aplicacións que soportan estratexias globais: Aplicacións para mobilidade. Vodafone, Imaxdi.
13.15 Conferencia 3. Tendencias en aplicacións para o desenvolvemento de negocio. Iván Menéndez, responsábel Core Technology, Oracle Europa.
13.45 Conferencia 4. Aspectos socioeconómicos. O papel das TIC. Santiago Segarra, Industry Development Team IBM.
14.15 Clausura de Galicia TIC.

PUBLICIDADE