GaliciaTIC aborda no seu 20 aniversario a dixitalización como catalizador de crecemento
xoves, 13 de outubro do 2022
O
foro GaliciaTIC, histórico
encontro tecnolóxico da nosa terra organizado pola asociación
empresarial Ineo, celebrará a súa vixésima edición entre o
mércores 19 e o xoves 20 na Cidade da Cultura. Baixo o lema
Crecemento, dixitalización e eficiencia, o evento conmemorará
20 anos de traxectoria con dous obxectivos claros obxectivos: en
primeiro lugar, abordar o contexto do proceso de dixitalización,
tanto no ámbito galego como internacional, tras a súa aceleración
pola pandemia e fronte aos retos do futuro inmediato derivados da
inestabilidade política e o cambio climático; e en segundo lugar
poñer en contacto directo o talento novo, o sistema educativo e o
sector tecnolóxico para crear lazos de futuro e fomentar o emprego.
Para
todo iso, GaliciaTIC celebrará na súa vixésima edición un
completo programa de conferencias, mesas redondas e seminarios que,
como gran novidade, incluirá unha feira de emprego na que
participarán máis de 150 alumnos e alumnas de ciclos tecnolóxicos
de centros galegos de Formación Profesional procedentes de Lugo, A
Coruña e Vigo.
O
obxectivo de Ineo é “fomentar un ano máis a indispensábel
relación do tres institucións que conforman a chamada tripla hélice
da innovación, ou sexa administración, formación académica e
empresa”.
Neste
2022, tras dous anos de restricións pola crise sanitaria,
recuperarase a presencialidade de todas as actividades, aínda que se
manteña o streaming en diferentes actos do programa. No
entanto, para asistir ou ter acceso en directo ás emisións, é
imprescindíbel inscribirse a través da
páxina web de GaliciaTIC.
Programa
O
programa comezará o mércores ás 09.30 h. de forma presencial co
debate inaugural que versará sobre a situación actual do proceso de
dixitalización, nun contexto no que se suceden os fenómenos
disruptivos: a pandemia, efectos do cambio climático, inestabilidade
política ou a crise enerxética. Nesta análise, participarán
Carlos Suárez Rey, director de Edisa; Fernando Vázquez Núñez,
director xeral de Imatia; Luis Álvarez Sestelo, presidente de Ineo,
e Julián Cerviño Iglesia, director da Axencia para a Modernización
Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA). Moderará Miguel Merino, director
de Galicia TIC.
A
xornada continuará ás 10.00 h. da man de Francisco De Los Santos,
executive partner na consultora tecnolóxica internacional
Gartner. De Los Santos ofrecerá un relatorio maxistral titulado
Transformación dixital e datos: tendencias e criterios de éxito.
A partir da inauguración, o programa transcorrerá tanto o mércores
como o xoves con mesas temáticas e con conferencias sobre asuntos
tan variados como a Intelixencia Artificial no seo das empresas, a
colaboración público-privada na dixitalización, a ciberseguridade
no sector da alimentación, a capacitación TIC en Galicia ou a
integración da cadea de valor no sector da moda.
GaliciaTIC
despedirá a súa vixésima edición con dous actos finais. O
primeiro deles consistirá nunha mesa profesional moderada por
Norberto Penedo, director da área de Competitividade do IGAPE, na
que se analizará o papel das agrupacións industriais no ámbito
tecnolóxico. O segundo será o acto de clausura que contará coa
presenza do vicepresidente da Xunta e conselleiro de Economía,
Industria e Innovación, Francisco Conde, e que servirá para render
un recoñecemento a todas as entidades, empresas e administracións
que fixeron posibel, coa súa colaboración e entrega, que GaliciaTIC
leve vinte anos de traxectoria.
Ineo,
para a organización do GaliciaTIC, conta este ano co apoio da Xunta
de Galicia, a través do Instituto Galego de Promoción Económica
(IGAPE) ou a Axencia para a Modernización Tecnolóxica (AMTEGA), e
tamén de empresas como Confluent, Deloitte, Edisa, Imatia, Orange,
Leyton, Lifesize, NTT DATA, R., Optare Solutions, Gartner e Oracle.