GaliciaLe ábrese aos contidos audiovisuais
luns, 23 de abril do 2018
A plataforma de préstamo de libros e revistas en formato
electrónico GaliciaLe incorpora agora un catálogo audiovisual á súa oferta
cunha proposta de 77 filmes, entre os que se poden atopar documentais,
películas de animación e longametraxes de ficción. Comeza, deste xeito, unha
nova etapa deste servizo bibliotecario da Consellería de Cultura e Educación,
en colaboración coa AMTEGA, que tamén conta co apoio do Ministerio de
Educación, Cultura e Deporte a través do catálogo eBiblio.
Desde que o programa GaliciaLe se puxo en marcha, en
outrubro de 2014, o número de usuarios incrementouse cada ano ata os 3.236 cos
que pechou 2017. O número de préstamos para ese mesmo ano foi de 16.937.
Actualmente, o número de títulos da plataforma é de 1.768, dos que 1.609 son
libros electrónicos, 77 corresponden a filmes, 31 son revistas, 50 son
audiolibros e hai tamén un libro interactivo.
O catálogo audiovisual
Entre as películas que pasan a estar dispoñibles na
plataforma GaliciaLe atópase un amplo abano de posibilidades, desde De
profundis a Sicixia ou A Esmorga, pasando por Mimosas, Todos vós sodes
capitáns, Un bosque de música, A cicatriz branca, O club da calceta ou De
bares, ata obras como Celso Emilio Ferreiro. O poeta da vida ou Aquel neno chamado
Xosé Neira Vilas.
A nova andaina de GaliciaLe foi presentada esta mañá en
rolda de prensa pola directora da AMTEGA, Mar Pereira, e polo secretario xeral
de Cultura, Anxo Lorenzo, coincidindo co Día do Libro. No acto, que tivo lugar
na Cidade da Cultura de Galicia, a directora da AMTEGA sinalou que «hai catro
anos falabamos de GaliciaLe como unha peza máis da estratexia da Memoria
Dixital de Galicia para universalizar o acceso á nosa cultura na rede e naquel
momento avanzabamos un novo sistema de xestión de bibliotecas». Mar Pereira
destacou que hoxe «ese sistema é unha realidade á que se están sumando as
bibliotecas públicas municipais e axencias de lectura e que permite que os
usuarios accedan cun carné único a todos os servizos das bibliotecas públicas integradas
e á plataforma GaliciaLe».
Mentres, Anxo Lorenzo afirmou que «GaliciaLe pretende facer
accesible a cultura en calquera momento e lugar e complementar, deste xeito, a
oferta de obras en formato físico das bibliotecas públicas galegas». Para o secretario
xeral, os datos presentados «confirman que este é un servizo que se está a
consolidar entre os usuarios das bibliotecas, tanto polo número de préstamos
como polo de persoas que fan uso del». Finalmente, sinalou que GaliciaLe é «un
proxecto vivo, que vai adaptándose ás necesidades do público, ao incorporar aos
libros electrónicos outros formatos como as películas e as revistas».
Na rolda de prensa tamén interviron a xerente da Asociación
Galega de Produtoras Independentes, Uxía Caride; e o vogal da Asociación Galega
de Editoras Xulio Amigo. Tamén asistiron á rolda de prensa a subdirectora xeral
de Bibliotecas, Cristina Rubal; e a directora da Área de Modernización das
Administracións Públicas, María José García Sexto.
Preto dun cento de títulos de libros electrónicos en galego
Nos últimos seis meses tamén se incorporaron á colección de
GaliciaLe un total de 95 títulos de libros electrónicos en galego, como Rosa tántrica, de Luz Pozo Garza; A burra Ramona, de Paula Carballeira; Fantasmas de luz, de Agustín Fernández
Paz; As cousas que non queremos oír,
de María Reimóndez; Illa soidade, de
An Alfaya; Denébola a Roxa, de Héctor
Cajaraville; ou Fume, de Antón
Fortes.
A Consellería de Cultura e Educación adquiriulles as obras
do catálogo galego a nove editoriais galegas (Alvarellos Editora, Baía
Edicións, Ediciones del Viento, Edicións Xerais, Editorial Galaxia, Hércules de
Ediciones, Laiovento, Netbiblo e OQO editora), que se completan con obras
cedidas mediante convenio polo Servizo de Publicacións da Universidade de
Santiago de Compostela. Nas vindeiras semanas a oferta completarase con outros
44 títulos de títulos electrónicos e tamén revistas en galego.
A estas editoriais engádense agora, coa incorporación do
catálogo audiovisual, 24 produtoras galegas: Abano, Agallas, Arraianos, Adivina
Producciones, Amanita, Alicia Veira Ramos, Ces Media, Cinebinario, Ficción
Producciones, Film Arante, Frida Films, Madeleine Producciones, Marcos Nine
Búa, Matriuska, Miolos Filmes, Nós Produtora Galega, Noveolas Producciones,
Numax, Pórtico, Portocabo, Vaca Films, Vía Láctea, Xamalú Filmes e mais Zeitun
Films.
Vídeo promocional de GaliciaLe no que participan a actriz María Mera, o catedrático de Física Jorge Mira, o escritor e editor Francisco Castro, o booktouber Sebas García Mouret e a cantante de Mamá Cabra, Gloria Roel.