Galicia tamén se sitúa na vangarda da introdución das TIC no eido da saúde

martes, 3 de febreiro do 2009 Raquel Noya

A conselleira de Sanidade e o ministro de Sanidade e Consumo achegáronse a unha farmacia de Padrón para probar o funcionamento da receita electrónicaSe onte foi o ministro de Sanidade e Consumo, Bernat Soria, o que se atrevía a afirmar que “España se colocou á vangarda na aplicación das TIC á sanidade”, nova da que nos fixemos eco na web de Código Cero, hoxe foi a quenda da conselleira de Sanidade, María Xosé Rubio Vidal, quen da man de Soria achegábase á vila de Padrón para comprobar o “bo funcionamento da receita electrónica galega, a chamada e-receita”.
Arestora, a e-receita está implantada nas sete áreas sanitarias de Atención Primaria de Galicia, e dende o último cuadrimestre do ano pasado xa foron prescritas máis de 130.000 e-receitas das que se beneficiaron máis de 57.000 galegas e galegos.
Logo de presenciar no centro de saúde de Padrón unha prescrición electrónica, o ministro e a conselleira de Sanidade, acompañados entre outras personalidades, do alcalde de Padrón, Camilo Forján Seoane, acudiron co doente a unha oficina de farmacia de Padrón próxima ao centro de saúde. Neste establecemento estaba presente a presidenta do Colexio Oficial de Farmacia de A Coruña, Rosa Lendoiro Otero, quen, xunto con representantes dos outros tres colexios de Galicia, puído comprobar de primeira man o funcionamento das novas tecnoloxías aplicadas á sanidade pública.
Na súa intervención na oficina de Farmacia, a conselleira non puido ocultar a súa satisfacción ao
poder amosarlle ao ministro de Sanidade “os cambios que se están a facer dende o Goberno galego e que teñen unha repercusión tan directa na vida cotiá das persoas”. A e-receita, apuntoulle, “é un novo sistema de prescribir e dispensar medicamentos de xeito máis sinxelo, máis cómodo e máis seguro”, e que está a substituír progresivamente á receita en papel.
Rubio Vidal sinalou que o pasado 22 de setembro dispensouse a primeira e-receita de Galicia, en Miño, e comezou así a súa extensión polo resto de provincias, incorporándose Salceda de Caselas, Cualedro, Vilarmaior, Narón, Neda, Valdoviño, Oural, Dodro, Rois e Padrón, que o fixo o pasado 15 de xaneiro. Nesta fase “están integradas 38 oficinas de farmacia que xa dispensaron máis de 130.000 receitas electrónicas, beneficiándose 57.000 cidadáns”.
Nos vindeiros meses a e-receita estenderase ao longo das catro provincias galegas e, segundo explicou Rubio Vidal, en xullo, “estarán incorporadas máis de 600 oficinas de farmacia e 142 concellos”. A extensión continuará ao longo do segundo semestre, tendo previsto incorporar ao maior número de oficinas, sendo o seu obxectivo “acadar o 80 por cento do territorio a finais do presente ano”.

Vantaxes
Grazas á receita electrónica, as galegas e os galegos podemos acudir directamente á oficina da farmacia para dispoñer da medicación que nos faga falla en cada momento, sen necesidade de volver ao médico para recoller novas receitas.
Isto fai que, tanto médicos como doentes, gañemos tempo e aforremos en desprazamentos innecesarios.
Este tipo de receita tamén permite incrementar a seguridade no uso dos medicamentos xa que os profesionais poderán coñecer outros tratamentos prescritos por distintos médicos.
No que atinxe ás oficinas de farmacia, entre as vantaxes enumeradas por Rubio Vidal destaca “a incorporación das oficinas de farmacia como establecementos sanitarios, á rede sanitaria pública, compartindo dereitos e deberes”. Igualmente, evítanse posibles erros que se puidesen dar no proceso de lectura e interpretación da letra do médico e, ademais, “detéctase cando a medicación non está sendo recollida con regularidade polos pacientes, e redúcense os trámites”.
As vantaxes para o sistema sanitario coa e-receita son, entre outras, a potenciación do uso racional dos medicamentos, a simplificación do proceso de facturación, a redución da burocracia, e o feito de integrar o acto farmacéutico na rede sanitaria.

PUBLICIDADE