Galicia súmase hoxe ao desafío internacional Hash Code de Google
xoves, 28 de febreiro do 2019
Hoxe
estase a celebrar a nivel mundial o
concurso de programación Hash Code, no que Google (dende 2015)
fai un chamamento a resolver un gran reto de enxeñaría a través de
equipos de desenvolvedores. A actividade transfronteiriza en cuestión
ten novamente unha notábel participación galega, con centros de
operacións incluídos, como o grupo CDG en Santiago ou Everis na
Coruña. A isto engádese a Universidade
de Vigo, cuxa Escola Superior de Enxeñaría Informática do Campus
de Ourense é un dos Hash Code Hubs habilitados en Galicia. Isto
significa que as persoas inscritas no desafío teñen á súa
disposición ás instalacións para participar desde alí no certame.
A actividade está dirixida a estudantes, medios, PAS, PDI e público
externo en xeral. A entrada é de balde, aínda que con reserva.
Hash
Code, explican dende a UVigo, é un concurso de programación en
equipo, organizado por Google, para estudantes e profesionais de todo
o mundo. As e os participantes elixen o seu equipo e linguaxe de
programación e Google selecciona un problema de enxeñaría para que
o resolvan nunhas horas. A edición deste ano iníciase cunha
competición en liña, onde cada equipo, formado por entre dúas e
catro persoas, pode competir desde calquera recanto, incluído un dos
centros elixidos como Hash Code Hubs. Os mellores equipos serán
convidados a unha oficina de Google para competir na rolda final.
A
Escola Superior de Enxeñaría Informática do Campus de Ourense
solicitou este ano a súa concorrencia como Hash Code Hub,
presentando unha solicitude na que se explicaba o carácter da
entidade e as súas instalacións e que foi finalmente aceptada.
“Poñemos a disposición dos participantes unha sala grande onde
conectaremos con Google, para seguir o certame, e incluso co outro
hub galego que participa, para compartir con eles a experiencia e
interaccionar”, comentou os días pasados o director da escola,
Francisco Javier Rodríguez.
Amais
do Hash Code Hub achegado pola Universidade hai finalmente outros 733
espazos de actividade e traballo participantes, fornecidos por
case un cento de países. Pola parte galega, tamén concorren o grupo
CDG (Google Developers Group) de Santiago e a empresa tecnolóxica
Everis dende A Coruña.