Galicia sube ao quinto posto no ranking estatal de uso de software libre nas empresas

xoves, 31 de maio do 2018 Redacción

O software libre avanza nas nosas empresas, tanto pola súa flexibilidade, como polos menores custes que regularmente poñen en xogo, como polo labor de divulgación e espallamento despregado polas nosas comunidades e empresas de software libre. A isto tamén hai que engadir o feito de que este tipo de programas estean abertos (literalmente falando) ás nosas necesidades específicas, con ampla marxe de adaptación ás mesmas. Este medre do software libre en Galicia vese reflectido no novo estudo do observatorio OSIMGA (dependente da axencia autonómica AMTEGA) no que se informa que as empresas da nosa terra de dez ou máis empregados xa superan a media estatal no emprego deste tipo de ferramentas. Isto a que posición nos leva? Pois do noveno ao quinto lugar do ranking por Comunidades Autónomas.
No estudo, entre outros moitos datos de interese, dáse conta de cales serían as ferramentas libres de meirande implantación no noso tecido produtivo. Unha vez máis, seguen a ser os navegadores de Internet e as aplicacións ofimáticas, cun 85,4% e 61,1% respectivamente no caso das empresas de 10 ou máis empregados e un 48,6% e 40,5% respectivamente no caso das microempresas.
No caso das empresas informáticas, as aplicacións máis usadas son as suites ofimáticas (59,4%), os navegadores de Internet (59,4%), e os sistemas de xestión de contidos web (43,2%). A investigación tamén destaca outro dato a ter en conta: que en determinadas aplicacións, como a xestión de contidos web ou as aplicacións de deseño gráfico, hai máis empresas que usan software libre que privativo. No primeiro caso é 11,3 puntos porcentuais superior e no segundo caso 6,4 puntos de diferencia.
As empresas informáticas galegas como provedoras de solucións TIC
Un 52,7% das empresas informáticas galegas que se dedican á venda de produtos de software, ofrecen solucións de software libre aos seus clientes. As solucións nas que o software libre ten maior penetración son os sistemas e-learning (ensino a distancia), servidor web, sistemas de xestión de contidos de portais e páxinas web, os sistemas de desenvolvemento e as solucións de comercio electrónic, “sendo en todos os casos a porcentaxe de empresas que ofrecen solucións libres superior á que ofrecen solucións privativas”, explícase.
Motivos para non usar software libre
Os principais motivos argumentados polas empresas que non usan aínda software libre varía en función do sector e do tamaño. No caso das microempresas, o principal factor aducido é o descoñecemento de solucións ou a falta de referencias sobre os produtos de software libre e no caso das empresas de máis de 10 empregados, o motivo máis citado é o temor aos problemas que pode ocasionar a migración a sistemas ou aplicacións libres.
Pola súa banda, as empresas informáticas argumentan como motivo principal para non empregar software libre a percepción da “incompatibilidade cos sistemas ou interlocutores actuais”, en opinión do 34,3% das empresas enquisadas, seguido do “descoñecemento de solucións ou a falta de referencias sobre os produtos de software libre” argumentado polo 21,7% das empresas informáticas galegas.
Medidas para a promover o uso do software libre
Desde o ano 2010 a Xunta, a través da axencia AMTEGA, vén desenvolvendo, en colaboración cos principais axentes do sector un plan anual para o impulso e difusión do software libre na administración, nas empresas e na cidadanía. Ás actuacións deste plan súmanse as que se desenvolven deste o Centro Demostrador TIC, o CNTG e da Oficina de Software Libre. A información sobre as necesidades do sector empresarial servirá para incidir nestas liñas nas actuacións a desenvolver durante o ano 2018.

PUBLICIDADE