Galicia será a primeira comunidade en contar cun sistema de envio telémático de solicitudes de cooperación xudicial

martes, 26 de xullo do 2011 Redacción

O conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, e o vocal do Consello Xeral do Poder Xudicial Manuel Almenar, presentaron o pasado venres na Audiencia Provincial de Pontevedra unha iniciativa que vai permitir o envío telemático entre distintos xulgados das solicitudes de cooperación xudicial, os coñecidos como exhortos, eliminando deste xeito o papel e axilizando os trámites.
Segundo explicaron Rueda e Almenar, os envíos faranse a través do Punto Neutro Xudicial do Consello e o feito de que se faga de xeito electrónico incidirá na redución de tempos na súa tramitación e na simplificación da tramitación administrativa, sen que se produza ningunha perda de garantías xurídicas.
O proxecto piloto levase a cabo na cidade de Pontevedra, onde xa o pasado 1 de xullo os técnicos da Xunta realizaron probas do servizo de itineración de exhortos entre o Xulgado Social número3 e o Xulgado Mercantil número 2. Os secretarios xudiciais dos órganos utilizados como piloto valoraron a experiencia como positiva.
Así, o sistema permite unha maior eficacia e axilidade, evitando trámites que ata o momento se fan por escrito e a través de envíos postais. Tan só na provincia de Pontevedra e no primeiro semestre do ano se fixeron case 23.000 exhortos, dos cales máis de 4.500 procedían doutras Comunidades Autónomas. A nivel galego, realízanse uns 100.000 exhortos cada ano, solicitudes que se viñan realizando en papel e que poderán ser canalizados a través deste novo servizo.
O obxectivo é que, cando o proxecto estea rematado, se poidan enviar e devolver exhortos entre as distintas sedes xudiciais de Galicia e entre xulgados de todas as Comunidades Autónomas.

PUBLICIDADE