Galicia, por debaixo da media nacional en desenvolvemento da SI

martes, 28 de outubro do 2008 Raquel Noya

A Fundación Orange vén de presentar o seu último informe anual sobre o desenvolvemento da Sociedade da Información en España, o eEspaña 2008, que mostra os resultados da posición de España en Europa con respecto ás TIC.
Segundo este Índice IeE08, que recolle as facetas de “Entorno”, “Acceso” e “Uso”, España superou a Letonia, Lituania, Eslovaquia e a República Checa, sendo o segundo país que máis mellorou en relación ó ano anterior, tan só por detrás de Portugal.
A posición de España (posto 21) con respecto ao Entorno das TIC (indicador que engloba a penetración das telecomunicacións, o investimento e a innovación TIC) reflexa o tamaño do sector TIC no país, prexudicado polo escaso mercado TI de consumo e o moderado emprego destas tecnoloxías nas pequenas e medianas empresas.
O informe eEspaña mide asemade o grao de converxencia da Sociedade da Información nas comunidades autónomas e neste senso, Madrid mantén neste índice a súa posición de líder. Pola súa parte, Galicia sitúase no antepenúltimo posto por diante de Canarias e Estremadura, logo de experimentar un retroceso en termos de converxencia, xa que en 2007 se situaba 3 postos máis arriba no ránking.
Asemade, o informe indica que Galicia ocupa a cuarta posición no desenvolvemento de servizos públicos en liña por comunidades autónomas cunha media de uso do 77 por cento.
Outros datos importantes que revela o informe da Fundación Orange sobre o acceso da nosa comunidade ás TIC son os seguintes:
- Acceso fogares: Galicia sitúase no penúltimo lugar, unicamente por enriba de Estremadura, e cun lixeiro descenso con respecto ao ano anterior.
- Acceso empresas: a nosa comunidade sitúase na oitava posición do índice, subindo dende o posto 11 que ocupaba no pasado 2007.
- Uso fogares: no tocante ao acceso dende as nosas casas, os galegos ocupamos a penúltima posición, descendendo dende o posto 8º que ocupabamos o ano pasado.
- Uso empresas: Galicia sitúase na 9ª posición do índice, descendendo dende o posto oitavo do ano 2007.
- O cálculo do índice ICSI e os seus subíndices permítenos detectar as áreas de mellora en cada rexión no relativo ao desenvolvemento da Sociedade da Información (as áreas que están por debaixo da media española); neste senso, Galicia atópase po debaixo da media no nivel de desenvolvemento da Sociedade da Información dos seus cidadáns.

PUBLICIDADE