Galicia participa arreo no Concurso Europeo de Navegación por Satélite

mércores, 10 de xuño do 2015 Redacción

O Concurso Europeo de Navegación por Satélite, do que falamos os días pasados con motivo da súa presentación no Porto do Molle (Nigrán), é un certame internacional de innovación que salienta as mellores ideas e proxectos para a creación de aplicacións dirixidas á devandita tecnoloxía aeroespacial. O concurso, que xa comezou (encetou a súa andaina 2015 o primeiro de abril) ten aberto prazo para a presentación de propostas até o vindeiro 30 de xuño. O evento ESNC 2015, segundo nos lembran dende o centro AtlantTIC, repartirá premios valorados en 1 millón de euros. E todo sen importar o estado de desenvolvemento no que se atope o proxecto, servizo ou idea de negocio. Segundo engaden fontes da organización, é unha magnífica oportunidade para a nosa emerxente industria tecnolóxico-aeroespacial.
O certame vén da man da Axencia Espacial Europea (ESA), GSA, o DLR, a Oficina Europea de Patentes, o Ministerio alemán de Transporte e Infraestruturas Dixitais e o Ministerio alemán de Economía e Enerxía. Desde 2004, ano en que empezou con só tres áreas xeográficas asociadas, o ESNC foi medrando até converterse nunha gran rede mundial de innovación e coñecemento con 25 áreas asociadas e máis de 200 expertos industriais e científicos de todo o mundo. Preséntanse da orde de 400 ideas a cada edición e conta cunhas 250 empresas do sector aeroespacial como socios. De todas as ideas presentadas, o 70% incúbase e un 30% acaba xerando unha SME do sector aeroespacial.
En Galicia o concurso está a ser convocado baixo o epígrafe Galician Community Challenge. Conta en labores de coordinación co profesor da Universidade de Vigo, Francisco J. Diaz-Otero. Tamén participan o Consorcio da Zona Franca (socio principal) en colaboración co IGAPE e GAIN. Trátase, segundo informan estas entidades, dunha convocatoria dirixida a empresas, emprendedores, investigadores, estudantes e inventores.
Como dixemos, ESNC 2015 repartirá premios valorados en 1 millón de euros aproximadamente, sen atender ao estado de desenvolvemento do proxecto. De feito, algúns premios están orientados a favorecer a materialización da idea inicial para convertela nunha realidade empresarial. Os premios inclúen acceso á incubadora de empresas, formación para emprendedores, consultoría de patentes, apoio á realización de estudos de mercado, apoio técnico, apoio á comercialización e acceso a expertos e financiamento público.
Os socios estatais son Galicia, Euskadi, Madrid e Valencia, e a través destas convocatorias autonómicas poden participar todos os aspirantes do ámbito español. En Galicia, o premio ao gañador autonómico é un ano de incubación nun dos parques empresariais do Consorcio da Zona Franca de Vigo, socio principal da inicaitiva en colaboración coa Universidade de Vigo, o IGAPE e a Axencia Galega de Innovación (GAIN).

PUBLICIDADE