Galicia ofrece case 2.000 vacantes para profesionais TI con soldos por riba da media estatal

mércores, 17 de novembro do 2021 S. P.

Galicia ofrece case 2.000 vacantes para profesionais TI (siglas de Tecnoloxía da Información) con soldos que están uns 12.000 euros por riba da media española. Así o certifica a investigación Tech Cities 2021 elaborada pola firma Experis (a marca de tecnoloxía de ManpowerGroup).
Entre as profesións deste ámbito do emprego que experimentan máis demandas na nosa terra atópanse as seguintes: arquitecto cloud (601 posicións cun soldo de 41.000 euros), desenvolvedor Java (324 posicións, cun salario de 30.000 euros) e analista de datos (256 posicións, cun soldo de 37.000). O salario medio que se ofrece aos perfís TIC que buscan as empresas galegas é de 38.318 euros ao ano. Esta cifra, segundo destaca Experis, está máis de 13.000 euros por enriba da media das persoas que traballan en Galicia, que é de 25.170 euros.
O posto de consultor SAP seria o emprego mellor pagado de todas as profesións IT na nosa terra, “aínda que non sexa o máis demandado”, explícase no informe, onde tamén se fai saber que a persoa especialista neste posto pode chegar a gañar 43.000 euros, isto suporía case 18.000 euros máis da media do soldo das persoas que traballan en Galicia.
Tendencia á alza en España
Doutra banda, o estudo sinala que a demanda de especialistas TIC en España duplícase cada dous anos, até o punto de que en 2021 supera as 212.673 posicións, fronte ás 113.776 de 2019 e as 55.099 de 2017. “Estamos a falar dun chimpo notábel que responde á dixitalización das empresas españolas quen, á súa vez, atenden a unha maior sofisticación e dixitalización do consumidor local e apostan pola tecnoloxía como ferramenta competitiva”, infórmase.
Por zonas xeográficas, Madrid concentra máis do 40% da oferta de posicións TI, seguida de Cataluña (28%), Comunidade Valenciana (9,1% das ofertas), Andalucía (3,8% das ofertas, situadas principalmente ao redor de Sevilla e Málaga), Euskadi (2,3%) e Aragón, Alacante e Mediterráneo Sur, e Asturias, todas elas, con en torno ao 1% das ofertas.

PUBLICIDADE