Galicia e Canarias xuntan forzas para observar e protexer a biodiversidade con drons
martes, 7 de febreiro do 2023
A
Axencia Galega de Innovación (GAIN) fixo balance da colaboración
que mantén a Xunta, a través deste departamento, co Goberno de
Canarias para o uso de vehículos non tripulados con obxectivos
medio-ambientais. Máis en concreto, a colaboración diríxese a
“desenvolver tecnoloxías e impulsar misións que permitan a
observación e estudo da biodiversidade utilizando vehículos non
tripulados, plataformas satelitais e pseudo-satelitais (HAPS)”.
Un
equipo de GAIN, encabezado pola directora xeral Patricia Argerey
participou nunha reunión de coordinación institucional co xerente
do Parque Tecnolóxico de Fuerteventura, Eduardo Pereira, para
sentar as bases do proxecto e afianzar os detalles da colaboración
entre as Administracións que van desenvolvelo.
Esta
cooperación interterritorial realízase no marco do Plan
Complementario de Biodiversidade impulsado polo Ministerio de Ciencia
e Innovación e co-financiado a través do Plan de Recuperación,
Transformación e Resiliencia da Unión Europea, do que son
beneficiarias as dúas comunidades autónomas, ademais de Andalucía,
Asturias, Illas Baleares, País Vasco e Estremadura. Esta alianza
estratéxica reforza o camiño emprendido por Galicia en 2015 no Polo
Aeroespacial de Galicia, ao que se suma o proxecto que promove o
parque tecnolóxico de Fuerteventura, co apoio do Goberno de Canarias
e do Cabido de Fuerteventura.
Segundo
fai saber GAIN, Galicia dará resposta aos retos de biodiversidade a
través do desenvolvemento de tecnoloxías nas que participa o
ecosistema de pemes e centros de coñecemento galegos, nos consorcios
artellados por Babcock e Telespazio. Canarias, pola súa banda,
focalízase na realización de misións e, por tanto, na economía do
dato, a través da observación e xestión intelixente da
biodiversidade, con aplicacións específicas para os servizos
prestados polas administracións públicas, comunidade científica ou
entidades privadas.
A
axencia tamén fixo saber que Canarias ten actualmente aberto o
procedemento de licitación para a selección das empresas que
executarán este proxecto. Pola súa banda, Babcock (socio
estratéxico da Xunta asentado xa en Galicia desde 2015) e Telespazio
(que acaba de sumarse ao Polo tecnolóxico galego) son os líderes do
programa de I+D da Civil UAVs Initiative. Coa colaboración de 26
empresas e centros de coñecemento, ambas empresas desenvolverán en
Galicia plataformas tecnolóxicas de longo alcance específicas para
misións de observación, captura e procesamento de datos de
biodiversidade, desenvolvemento e integración dun amplo conxunto de
sensores especializados en observación da biodiversidade e unha
plataforma integral de xestión dixital de misións con drons, capaz
de xerar plans de voo de forma automática. “Estas novas
solucións”, sinalou a axencia galega, “dan resposta a novos
retos tecnolóxicos como a vixilancia de humedais, e doutros espazos
naturais ou a observación de impacto das infraestruturas humanas
sobre o medio ambiente”.
Os
dous territorios son os que recibiron máis financiamento do Plan
Complementario de I+D+i Biodiversidade. Galicia obtivo 12,34 M€ e
achega 11,29 M€ de fondos propios, incluídos dentro do orzamento
do Plan Estratéxico do Polo Aeroespacial de Galicia 2021-2026, para
o desenvolvemento destas actuacións.
A
delegación galega mantivo tamén reunións de traballo na Agencia
Canaria de Investigación, Innovación y Sociedad de la Información,
en Gran Canaria, con representantes do Centro Espacial de Canarias do
Inta, do Instituto Tecnológico de Canarias (ITC) e da Plataforma
Oceánica de Canarias (Plocan).