Galicia concorre na competición europea para acadar as mellores aplicacións de navegación por satélite

luns, 18 de maio do 2015 Redacción

Europa quere procurar as mellores aplicacións para a navegación por satélite. Deste obxectivo xorde a iniciativa European Satellite Navigation Competition-ESNC, un concurso internacional de innovación que premia as mellores ideas para o desenvolvemento de ferramentas de navegación por satélite e busca os mellores servizos, produtos e innovacións que empreguen a devandita tecnoloxía para a vida cotiá. O certame, posto en marcho en 2004, vén impulsado por entidades como a Axencia Espacial Europea, a Oficina Europea de Patentes, o Ministerio alemán de Transporte e Infraestruturas Dixitais ou o Ministerio alemán de Economía e Enerxía, entre outras. Entre os países que concorren na edición 2015 do certame está o noso. Impulsando a participación galega atópanse a Zona Franca de Vigo (socio principal), a Universidade de Vigo, o IGAPE e a Axencia Galega de Innovación.
O coordinador das propostas galegas é o profesor Francisco Javier Diaz-Otero, do Departamento de Teoría do Sinal e Comunicacións da UVigo, que explica que “o concurso está aberto a calquera persoa, sexa ou non da comunidade universitaria, e sexa persoa física ou empresa”.
Segundo explica, os gañadores aspiran a premios que teñen un valor conxunto que ascende a 1 millón de euros e ademais pasarán a formar parte da rede de innovación no eido global de sistemas de navegación por satélite (GNSS). Ademais, habilitáronse un total de 30 categorías, así como premios especiais como o University Challenge, dirixido especificamente a estudantes e investigadores. Entre os vencedores de todas as categorías, un xurado formado por expertos internacionais da industria e a I+D elixirá o vencedor global, que recibirá 20.000 euros adicionais e un programa de incubación de seis meses (apoio e asesoramento técnico, empresarial e legal) na autonomía ou rexión que elixa.
En Galicia o premio ao gañador ou gañadora é un ano de incubación nun dos parques empresariais do Consorcio da Zona Franca de Vigo. Pero ademais de Galicia, outros socios estatais son Euskadi, Madrid e Valencia. As propostas poderán presentase vía telemática ata o 30 de xuño e a cerimonia de entrega de premios terá lugar en outubro.
Ao concurso European Satellite Navigation Competition-ESNC, que abrangue arestora unha rede mundial de innovación que inclúe 200 expertos industriais e científicos, accédese por convite directo da Axencia Espacial Europea, que non convida a organismos ou empresas, “senón a rexións ou autonomías”. En anteriores edicións preséntanse arredor de 400 ideas en cada convocatoria e conta cunhas 250 empresas do sector aeroespacial como socios colaboradores. A organización estima que de todas as ideas presentadas, o 70% incúbase e un 30% acaba xerando unha PEME do sector aeroespacial. Tamén salientan a “diversidade das propostas que se reciben cada ano”, indo dende o eido sanitario e das emerxencia, ao tráfico ou o transporte por mar, aire e terra, pasando por tecnoloxías para sustentar a Internet das Cousas e a comunicación global.
O gañador da pasada edición foi Airbus Defence & Space, unha proposta que en palabras dos organizadores, “adoptaba un enfoque de vangarda para o deseño dun receptor de baixo custe que permitise aos departamentos de policía, bombeiros e servizos médicos de emerxencia facer uso do sistema PRS Galileo, o sistema de navegación por satélite europeo independente”.

PUBLICIDADE