Galicia acolle a sexta edición de UNVEX, o maior evento dos sistemas non tripulados de España

venres, 2 de xullo do 2021 S. P.

Os días 7, 8 e 9 de xullo celebrarase na nosa terra o evento UNVEX 2021, o que pasa por ser o máis relevante acontecemento de cantos se celebran en España centrados nos vehículos aéreos non tripulados, coa colaboración directa da Axencia Galega de Innovación (GAIN) a través do Polo Aeroespacial de Galicia. UNVEX’’21, sinala GAIN, constituirá “un punto de encontro para o sector, e porá o foco no uso dos vehículos non tripulados nos servizos públicos que presta a Administración”.
A axencia que dirixe Patricia Argerey destaca que a elección de Galicia para esta sexta edición de UNVEX supón “un recoñecemento ao traballo realizado nos últimos cinco anos no Polo Aeroespacial de Galicia para converter a industria aeroespacial nun dos sectores estratéxicos da rexión e unha proba de que xa somos unha referencia no mapa da industria dos sistemas e vehículos non tripulados”.
O congreso terá lugar na Cidade da Cultura, onde collerá corpo un completo programa de conferencias e amosaranse as novidades presentadas por máis de 60 empresas na área de exposición, incluídos os avances da industria galega do sector. Desenvolveranse ademais no Centro de Investigación Aeroportada de Rozas (CIAR) e na Escola Naval de Marín demostracións de sistemas e vehículos aéreos e mariños non tripulados.
Como dixemos, o obxectivo é impulsar dende aquí a industria dos vehículos aéreos non tripulados, un sector que xerará 1.200 millóns de euros en 2035.
UNVEX 2021 contará con 120 relatores en 22 sesións que se organizan por bloques sobre Aplicacións públicas e usos comerciais, que centrarán as conferencias do primeiro día; sendo a temática Defensa, Seguridade e Emerxencias a cuestión que vertebre a segunda xornada. O evento rematará cunha sesión de divulgación, aberta ao público, durante a mañá do día 9 de xullo.
Máis de 60 expositores
Como dixemos, UNVEX 2021 ten confirmadas máis de 60 empresas expositoras nos seus máis de 2.500 metros cadrados de exposición, entre os que destacan as empresas tractoras do sector, así como pequenas e medianas empresas e operadoras. Nesta exhibición poderanse ver as principais as principais novidades tecnolóxicas destas empresas e tamén contará co seu propio programa de actividades con conferencias no espazo “Ágora” e as conferencias de divulgación do día 9 de xullo.
Demostracións marítimas e aéreas
No apartado das exhibicións, haberá demostracións tecnolóxicas na tarde do 8 de xullo na Escola Naval Militar de Marín (Pontevedra), onde se poderán ver catro sistemas de superficie e un sistema aéreo deseñado especificamente para operar directamente desde embarcacións.
O día 9 de xullo, UNVEX desprázase ao Centro de Investigación Aerotransportada de Rozas (CIAR), situado no aeródromo de Rozas (Lugo) no que as e os asistentes comprobarán a operatividade de oito sistemas de á fixa e á rotatoria e un sistema contra UAS, así como as súas prestacións.

PUBLICIDADE