Galicia TurisTIC, novo centro de servizos avanzados en Vilagarcía de Arousa

martes, 3 de maio do 2022 Redacción

O director do Igape, Fernando Guldrís, e a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, asistiron esta mañá en Vilagarcía de Arousa á inauguración do novo Centro de Servizos Avanzados Galicia TurisTIC, que nace na procura de configurarse como un polo tecnolóxico para impulsar a dixitalización do sector, contribuír á creación de emprego de calidade e reter talento tanto na comarca do Salnés como en toda Galicia.
A iniciativa forma parte dos sete centros de fabricación avanzada que está a impulsar a Xunta de Galicia grazas á colaboración público-privada a través dun investimento de case 27 M€ –a Xunta achega preto do 76 %–. O obxectivo principal é potenciar sectores como o turismo, o agroalimentario, o loxístico, o biotecnolóxico ou o das TIC para ofrecer toda unha infraestrutura de recursos e servizos tecnolóxicos ás pemes galegas.
“Estamos a falar de fábricas compartidas, centros loxísticos e de fabricación avanzada ou espazos especializados para modernizar e desenvolver a base industrial da zona na que se sitúen, con especial énfase na sustentabilidade”, destacou Guldrís, quen lembrou que o “éxito desta primeira experiencia” levou ao Goberno galego a promover unha nova consulta entre o tecido produtivo da que se recibiron dez manifestacións de interese encamiñadas a impulsar novos centros de fabricación avanzada.
Neste escenario, Galicia TurisTIC nace para fomentar a creación de produtos, servizos e empresas de base tecnolóxica na cadea de valor da industria turística galega. Así, a idea é conxugar innovación, emprendemento e formación a partir da dixitalización.
Para acadar este obxectivo, o novo centro, salientou Guldrís, suma máis de 275 metros cadrados que comprenden tres laboratorios –de intelixencia artificial e big data; de dispositivos intelixentes; e de realidade virtual e aumentada–; unha área de formación no eido tecnolóxico; unha área de demostración para clientes públicos e privados; e outra área de emprendemento para startups.
Esta iniciativa, que financiou ao 100 % a Xunta de Galicia a través dun investimento de preto de 400.000 euros, xorde do traballo conxunto entre administracións autonómica e local e empresas e entidades como o Clúster de Turismo de Galicia e o Clúster TIC de Galicia; a Cámara de Comercio de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía; a Autoridade Portuaria de Vilagarcía, e a Mancomunidade do Salnés.
“A aspiración é que o talento emprendedor, o tecido empresarial e as administracións teñan á súa disposición un banco de probas para introducir mellores produtos e servizos”, detallou o director do Igape, quen resaltou que a localización do centro da comarca do Salnés non é casualidade: “Este é un lugar onde se lle confire unha importancia destacada ao turismo e por iso a súa localización en Vilagarcía é unha fortaleza; unha comarca na que o turismo, e o sector servizos en xeral, son piares fundamentais para a súa economía”.
Pola súa banda, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, destacou o peso do turismo na economía galega e destacou as medidas postas en marcha desde a Xunta de Galicia para seguir modernizando este sector. “Cremos que un dos piares máis importantes para o sector turístico é a formación e a innovación, tal e como amosa o noso Plan Director Galicia Destino Seguro 2021-2023, unha folla de ruta que está a guiar a nosa recuperación”, sinalou. Tamén engadiu que no marco deste plan púxose en marcha a Aceleradora de Proxectos Turísticos da Xunta de Galicia, que agora está a celebrar a súa segunda edición e que, de feito nestes días dará a coñecer as 10 startups que finalmente se acelerarán no marco do proxecto de aposta pola innovación e as novas tecnoloxías no ámbito turístico.

PUBLICIDADE